Uruguai | Termatalia Uruguai pecha tras tres días de intensa actividade dunha cita que xa foi cualificada como “unha dos mellores da historia de Termatalia en América”, en palabras do seu director, Rogelio Martínez. E é que o 21º Encontro Internacional sobre Turismo Termal, Saúde e Benestar superou xa as expectativas do seu principal socio, o Ministerio de Turismo do Uruguai.
O ministro de Turismo deste país, Tabaré Vise, explicaba durante a recepción realizada en Termas de Guaviyú, en Paysandú, que “estamos entusiasmados por ter a oportunidade de mostrar ao mundo o marabilloso Destino Termas uruguaio”.
Pola súa banda, o director de Turismo de Paysandú, José Manuel Galván, indicou que “este encontro superou con fartura as nosas expectativas. Os nosos empresarios tiveron a oportunidade de aprender e compartir cos mellores expertos do sector que ademais puideron coñecer o destino in situ”.
Despois de 3 días en que se converteu en epicentro das miradas do termalismo mundial, Uruguai posiciónase como un gran destino termal debido á calidade e cantidade das súas augas e das súas infraestruturas termais. Este evento serviulle a Uruguai para aprender do modelo europeo para utilizar as augas termais desde a perspectiva da saúde e non soamente do lecer.
Termatalia Uruguai, evento estritamente profesional superou os 500 rexistrados no IV Congreso Internacional sobre Auga e Saúde no que participaron como relatores 40 expertos. O congreso complementábase cunha área expositiva na que participaron destinos termais de España, Uruguai, Arxentina, Chile, México, Brasil e Alemaña.
Entre as actividades celebradas nesta última xornada destacou o seminario sobre augas minerais e introdución á cata de augas impartido pola catadora galega Mercedes González e a CEO de PA Laboratorio de Brasil, Joseani Octaviani. Nesta cata participaron augas minerais galegas, brasileiras e uruguaias.
Termatalia Uruguai supuxo tamén un estreitamento das relacións entre Uruguai e España e en especial Galicia. Residen neste país na actualidade 70.000 persoas con raíces españolas, 40.000 das cales son galegas.
A próxima edición celebrarase en Ourense como é habitual. En 2025, volverá alternar a súa sede e viaxar a outro país, probablemente de América Latina. Durante esta edición, a dirección de Termatalia recolleu xa o interese de varios destinos termais de países como Chile, Brasil, Colombia ou Arxentina en posicionarse para acoller a próxima edición.