Salceda de Caselas | O Pazo de Pegullal en Salceda de Caselas foi o escenario para a presentación da nova marca corporativa do Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Condado-Paradanta, enfocando a súa sinal de identidade no lema “Terra e Auga”.
A nova marca ten pretensión inclusiva e de unidade para que toda a veciñanza do territorio do GDR se sinta integrada e representada neste organismo.
Os Alcaldes, Alcaldesas e representantes municipais dos 10 Concellos pertencentes ao Condado-Paradanta, sendo estes As Neves, Arbo, A Cañiza, O Covelo, Mondariz, Mondariz Balneario, Ponteareas, Salvaterra de Miño e Crecente, mais Salceda de Caselas (que aspira a ser socio deste organismo) se deron cita neste pazo para acordar unha “visión de conxunto que non sexa localista”, en palabras da anfitriona, a Alcaldesa Loli Castiñeira. “Crer no noso potencial e no que somos para poder promovelo. Porque somos viño, aceite, auga, ruta da Camelia”, enfatizou a rexedora salcedense no discurso inaugural. Castiñeira adiantou no seu discurso o lema de “Terra e Auga”.
No acto tamén interviron a directora de AGADER, Inés Santé, e o actual presidente da GDR, o tamén Alcalde do Covelo Pablo Castillo. Santé instou a trazar unha “estratexia proactiva” toda vez explicou que a iniciativa da GDR “foi unha das mellores valoradas dentro do programa LEADER” no marco do proxecto piloto de comunidades enerxéticas no rural.
Pola súa banda, Castillo enfatizou na marca de “Terra e Auga” como o piar da estratexia produtiva do territorio engadindo a “nosa cultura e patrimonio”. Indicou catro áreas de traballo en torno ao Agro, o Medio Ambiente, as Artes e o Turismo.
Noutras intervencións, Francisco González, xerente GDR, informou que a estratexia 2018-2024 contempla 2.700.000 de euros para proxectos, cunha ampliación de créditos en torno aos 4 millóns€ por parte da Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia para a totalidade dos GDR existentes en Galicia e a iniciativa do Bono Activa Rural para desempregados que queran emprender en proxectos que non sexan do agro, con axudas que alcanzan ata os 18.000€ incluíndo investimentos.
Finalizou o acto unha actuación artística do grupo da produtora EscenaTe, conformado por Giovanni Peixoto, Inés Piñeiro, Beatriz Martínez e Marion Sage, que simbolizou a través do espectáculo “Terra e Auga” esa simbiosis que a GDR quere expresar a partir de agora como a súa marca institucional.