A artista Madalena Gamalho inicia unha viaxe polo mar da música en galego comezando por crear o seu propio barco ao cal chamou “Invento”. Un navío de dez paus elaborado coa axuda de músicos como Iván Barreiro, Carlos Arévalo, Iria Iglesias, Rafa Morales e Javier Pereiro “GDJazz”. O resultado, “Invento”, pode escoitarse na rede por diferentes canles dixitais, abrindo así unha maior posibilidade de acceso para o público.
Cales son as orixes de “Invento” e por que este é o gran paso para iniciar a túa carreira en solitario?
O proxecto naceu hai ano e medio. O produtor, Iván Barreiro e eu xa nos coñeciamos e xuntos tiñamos a idea de facer este traballo desde había tempo. Eu tamén buscaba facer un traballo en solitario para dar un novo paso profesional e así foi tomando forma esta idea. Eu xa tiña algunhas cancións compostas e outras foron elaboradas durante o proceso de creación deste disco. Tamén están as sinerxías e o bo entendemento entre as persoas que pairan arredor do disco e iso deu un resultado moi atractivo para nós e que nos dá a impresión de ser diferente.
O disco reúne diferentes sons que se poden lugar a diferentes estilos. Ti estarías de acordo coa definición de “ecléctico” para “Invento”?
Podería ser unha boa definición. Son influencias que temos os dous, Iván e máis eu, como músicos e por iso quixemos reflectilos neste traballo. Gústanos a música e por exemplo eu son máis de cancións mais tanto me ten o xénero aínda que teño unhas preferencias sobre outras. Ao final, todo foi o resultado da mezcla sonora que temos Iván e máis eu.
Os profanos da música poderíamos dicir que un son predominante é o do jazz. Pode ser?
Hai influencias de jazz nalgunhas cancións máis que noutras ademais de funky e músicas do mundo, pois hai ritmos brasileiros polo medio, e tamén hai rock e pop, este último sobre a nivel de voz, pois aínda que hai numerosos arranxos, a voz resulta bastante audible para calquera persoa que escoite música máis “mainstream”.
Como se pode manter unha liña contínua en canto musicalidade cunha amálgama tan abundante de son?
A continuidade está nos instrumentos, nos músicos, nos instrumentos, que son quen enlazan as dez cancións deste álbum. A música está feita desde un coñecemento de determinados xéneros. O resultado mestura temas máis asequibles para os oídos das persoas e por outra parte, outras cancións poden ter unha certa complexidade, mais creo que é un disco moi cómodo de escoitar. Tanto a parte vogal como a instrumental están moi ben empastadas. Iván é un músico que respecta moito o que é a voz e ao final é o disco dunha cantante, por iso se fan arranxos que non tapen a voz.
Recolliches sons ou músicas doutros lugares para ir creando o estilo reflectido en “Invento”?
Ao final todas as músicas e todos os sons forman parte das influencias recibidas e que logo recollemos e plasmamos nos nosos traballos. Hai unha escoita de diferentes xéneros detrás e de aí o resultado diverso.
“A continuidade está nos instrumentos, nos músicos, nos instrumentos, que son quen enlazan as dez cancións deste álbum”
Existen diferentes temáticas dentro deste disco ou apostaches por unha liña común en todos os temas?
Hai seis cancións que si poderían ter un fío condutor algo intencionado. Previamente a facer os arranxos instrumentais, eu xa tiña as miñas letras e melodías e si que reúnen temáticas moi similares. Son como reflexións da vida cotiá, situacións nas que te inspiras. Por iso “Sobe á Minha Escada”, “Vívelo” e os demais temas de creación propia, son aspectos que conectan comigo como o feito de compartir as nosas historias cos demais, de termos confianza no que tes en fronte, do amor universal, de como sentirse ben cun mesmo a nivel emocional como “Horizonte”, un tema sobre as noites de insomnio. Ao final son cousas que te afectan a nivel emocional e vital. Mais o álbum en conxunto non ten como unha liña argumental, aí temos o tema “Teresa Torga” e tres poemas musicados.
Cal foi a parte máis difícil, a composición propia ou a adaptación musical dos tres poemas?
Os poemas musicados son dous de Carvalho Calero e outro é de Pepe Cáccamo, “Invento”, de onde sacamos o nome para o disco. Mais sobre a composición, para min non é difícil pois hai cancións que che veñen. En concreto, as de Carvalho Calero foi ler os poemas e comezas a cantar sobre eles. Logo hai un traballo de adaptación, un traballo máis reflexivo e analítico. Para min compoñer é algo doado mais o complicado neste proceso foi a gravación dos temas, pois como era a primeira vez que gravaba un álbum enteiro e en pouco tempo, foi un esforzo, sobre todo a nivel vocal. A pesar de que teño anos de traballo e desenvolvemento sobre esta faceta, si que é canso e moi disciplinado pois non tes aí diante o público, tes que imaxinalo para transmitir emocións a través da voz. Iso en estudo debes conseguilo para transmitilo no disco, pois vai quedar gravado para sempre. Esa é a parte máis complicada do proceso para min.
Como realizastes a distribución do disco a través dunha empresa de Portugal?
É unha empresa que se dedica a facer discos e distribución dixital de artistas. Eu cheguei a eles cando estaba buscando opcións para imprimir o disco. Ademais diso, son a empresa que editou o disco da Orquestra de Jazz de Matosinhos. Contactei con eles pois porque nese momento estaban subindo ás plataformas cunhas boas condicións para os músicos. Facíano de maneira gratuíta e logo, despois da reprodución, quedan cunha porcentaxe. E ademais, a min facíame ilusión que fose unha empresa de Portugal. Certamente foi un logro interesante.
Haberá xente que che pregunte por que cantas en portugués?
Son moitas razóns, porque me gusta, porque me apetece e porque me gusta a sonoridade desta variante do galego-portugués. Tamén é unha oportunidade de mostrar as miñas músicas ao resto do mundo. E ademais, porque hai moita xente cantando en inglés e non lle fan esta pregunta. Así pois, por que non facelo se o temos aí ao pé? Ao final, un idioma é un mecanismo para contar historias e desenvolver a túa arte, a túa creatividade, por que non usar varias linguas? Son mecanismos que se inspiran en xéneros doutros países. É algo que debera estar ultrapasado.