Manuel Blanco / Lalín | Como todo traballo feito con cariño, a restauración e as labores de posta a punto dos muíños de Entre Ríos e a Ponte, que xa tiñamos salvado do seu estado ruinoso no ano 2002, nos proporcionan a inmensa alegría de comprobar como a contorna natural biosaudable de Entre Os Ríos, recupera o seu esplendor de antano, co valor engadido dos novos servizos achegados recentemente polo Museo Casa do Patrón.
As recentes obras de restauración, consolidación e posta en marcha do Muíño de Entre Ríos, en serio perigo de derrube pola acción subterránea das augas, que levaba preto de 20 anos sen funcionar, acometida pola Casa do Patrón, que superaron os 7.000 euros, invertidos en proxecto, permisos e obras de consolidación e restauración exterior e interior de paredes, arranxo e reposición da maquinaria interna do muíño (pechadoiro e rodicio) e limpeza de canles, 4.755 dos cales serán aportados pola Deputación de Pontevedra, a través da súa liña de axudas ao Patrimonio Marítimo fluvial da provincia, así como a limpeza das presas e de ámbolos dous, as labores de mantemento realizadas no Muíño da Ponte, e acondicionamento das pontellas de entrada ao recinto, permitirán que os muíños, por unha banda continúen realizando as súas labores de moenda tradicional dos “herdeiros” copropietarios dos mesmos, aos que agradecemos a súa boa disposición e colaboración nos traballos executados, e sobre todo a súa musealización, para ser utilizalos nas múltiples demostracións da moenda tradicional en muíño de río para os numerosos colexios e visitantes do Museo que nos solicitan esta actividade.
Contemplando este fermoso e singular conxunto, un decátase de que conta con dous muíños ben restaurados, en perfecto estado de funcionamento, coas súas presas de acceso e saída de auga cheas e ben limpas, a choiva caendo mansamente sobre as copas das variadas árbores (ameneiros, bidueiros, carballos, e freixos), que contribúe dun xeito decisivo a que o Asneiro vaia acadando a normalidade do seu caudal, despois da intensa seca estival, así como a que a natureza agrome por todas partes, as mesas e bancos de pedra e madeira listas para utilizar por veciños e visitantes, a ruta homologada PR-G210, que transcorre a carón do río, atravesando este parque natural, un miradoiro con fermosas panorámicas sobre o Pozo Negro, o aparcadoiro de Os Muíños e todos os servizos necesarios para gozar dos elementos máis auténticos da Galicia enxebre e profunda.
“En definitiva, un verdadeiro paraíso no que paga a pena vivir”
En definitiva, un verdadeiro paraíso no que paga a pena vivir, coa firme convicción de que todo este traballo resulta necesario para manter vivo este inmenso patrimonio natural que con tanto esforzo nos transmitiron os nosos antepasados, do que podemos e debemos sentirnos ben orgullosos.