Chegou setembro e os colexios abriron a súas portas para que miles de nenos e nenas, rapaces e raparigas bótense ás costas as súas carteiras ateigadas de libros e cadernos e collan o camiño dos seus respectivos centros de ensino.
Das dificultades que sempre se presentan nun principio de curso: libros caros, prazas insuficientes, números de alumnos por aula excesivos, etc. xa teñen falado dabondo outros medios de comunicación diarios. Nós imos centrarnos noutros parámetros tan ou mais esenciais ca eses pero dos que pouco se fala. Agás algún artigo de prensa solto polo medios das páxinas dos diarios que se ocupan preferentemente dos problemas mais funcionais e mais vivos do momento do comezo do curso.
Este ano tentase estrear unha nova Lei de Educación, a famosa LOMLOE, saída do Parlamento do Estado a principios de lexislatura. Esta nova lei ofrece un cambio substancial en referencia das ultimas leis de educación que se viñan aplicando. Parece que pretende que os alumnos e alumnas aprendan máis “a aprender”, valla a redundancia, que non a memorizar contidos.
Este enfoque no mundo do ensino é algo que algúns, que tivemos como traballo nas nosas vidas laborais unha completa dedicación ao ensino, xa viñamos denunciando nas últimas décadas. Claro que ninguén nos fixo caso e menos as autoridades educativas responsables dos correspondentes programas de ensino.
Nós últimos tempos parece que se pretende dar unha “man de pintura” por enriba para que como dixo Giuseppe di Lampedusa ”que todo cambie para que nada cambie”, porque unha verdadeira educación nos tempos que nos toca vivir ten que afondar noutros problemas máis complexos. Un deles é a formación dos profesores, a ratio por aula, as súas competencias didácticas sobre todo no eido emocional e comprensivo, as técnicas didácticas, etc.
“Unha verdadeira educación nos tempos que nos toca vivir ten que afondar noutros problemas máis complexos”
Como nos indican os/as expertos/as, se para ser médico debes saber de bioloxía, para ser educador tes que coñecer como interacciona o cerebro en calquera nivel de aprendizaxe. É dicir, como evoluciona o cerebro do educando/a que tes encomendado. Non se pode ensinar se non sabemos como se aprende.
Aí temos o uso das famosas pantallas móbiles que xa están acompañando aos educandos dende os poucos anos de idade. Aos pais pode parecerlles extraordinario que os seus bebés xa se desenvolvan dixitalmente apenas poucos anos de idade. O que non saben é que lles están frustrando a capacidade de atención propias desas idades non permitindo o seu desenrolo en plenitude en anos posteriores.
Os educandos teñen que dispor de técnicas que substitúan esas pantallas e artiluxios tecnolóxicos ata que o cerebro dos nenos e nenas xa se teña formado o suficiente para que poida sumar outras maneiras de desenvolvemento. É realmente triste ver como críos de poucos anos nos ofrecen unha demostración de como manexan aparatos que os maiores aínda non comprenden. Que estamos a conseguir, os famosos “nativos dixitais”?. Tal vez, pero sen darnos conta que eses nenos e nenas non tiveron a posibilidade de desenvolver as súas capacidades naturais; que o seu cerebro nos creceu de forma natural senón que foi dirixido teconolóxicamente e que mais tarde xa non é quen de liberarse desa tecnoloxía desenvolvida non para que sexan mais felices senón para que sexan mais manipulables.
Todo este problemas estase a xerar nas aulas de parvulitos/as sen que os educandos se decaten suficientemente do problema. En canto aos pais e nais, que lles imos pedir se os propios profesores son os condutores desas conductas, alla a redundancia, nociva para os educandos.
A nova lei pretende que se memorice menos e se desenvolva mais a capacidade de observación e de comprensión pero non se libra de que esas competencias lles veñan dadas aos educando por medio dun aparato que os controla, non pola súa capacidade de discernir, de decidir e tomas decisións que lles gusten ou non lles gusten. Expertos dixitais, tal vez, pero analfabetos humanos seguramente.