“Todos temos présa en aprender a falar, pero escoitando é cando máis se aprende”

Mark Wiersma e Miguel Mosqueira | Músicos

 

Mark Wiersma e Miguel Mosqueira son dous músicos que tiveron a idea de lanzar o proxecto Sira e o Robot. Un audio libro e libro ilustrado onde inglés e galego se conxugan para que os nenos e nenas teñan unha ferramenta para aprenderen dos dous idiomas. Co seu terceiro volume xa editado Sira e o Robot. Trial by Fire, a aventura promete momentos moi especiais para os máis pequenos e para os máis grandes tamén. Falamos con eles sobre este novo libro.

-O primeiro que vos quero preguntar é, como clasificariades Sira e O Robot?
Depende con que interlocutamos, pero unha estas tres definicións poden servir. Un proxecto artístico que procura fusionar música, linguaxe, audioteatro, ilustración con humor e narrativa, a intertextualidade e a ironía, creando así un mundo no que unha nena de 10 anos ten aventuras co seu robot persoal, William. Tamén unha forma bonita de contribuir a aumentar a intelixencia verbal e emocional dunha xeración de nenos, empregando a música, poesía e teatro xunto coa tecnoloxía e a ciencia. E por último, un método de aprendizaxe de idiomas moi innovador basado en metodoloxías como Assimil, Linguaphone ou Berlitz. Pero máis eficaz e mneumotécnico.

-Como e por que nace a idea de Sira e o Robot? Había un elemento especial que vos animase a crear este conxunto de libros?
Escribimos a varias editoriais unha especie de manifesto artístico. Eran como vinte páxinas ou así, xunto cuns audios caseiros. Manuel Bragado, de Xerais, foi o único en responder. Grazas a ese interese inicial conseguimos traballar algunhas ideas e publicar con eles ao final. Diriamos que o elemento especial de todo proxecto artístico bo é unha amizade. A partir diso o resto vai indo.

-Quen formabades o primeiro grupo de persoas que estabades detrás desta idea?
Miguel e Mark e logo lle pedímos a Iván Sende que ilustrase o libro. El xa traballara con Xerais antes. Houbo outras persoas boísimas por suposto, pero o “núcleo duro” como diría Iván é ese. Agora comezamos a traballar con outra persoa importante na industria cultural, pero ela prefire manterse máis no anonimato.

-A intención é facer ver que galego e inglés poden aprender un do outro e que se pode falar perfectamente nas dúas linguas. Como podes convencer a unha persoa que é posible?
Máis que falar perfectamente diriamos entender perfectamente. Todos temos moita présa cando queremos aprender de falar, cando é escoitando, e en moitos contextos, onde máis se aprende. Pero si, é un dos beneficios que acontecen ás persoas que escoitan os discos e tentan aprender as cancións. A idea é crear algo que incite a moitas escoitas. A arte non é facer un listening, que é unha táctica idiota de Cambridge ou Oxford ou que sexa para traumatizar os alumnos. A arte é para escoitar moitas veces, de saborear. Gustaríanos considerar que a nosa arte é para acompañar a unha época dentro da vida dunha persoa, non para consumir unha vez para logo descartar en busca da consumición seguinte. Non é para listening é para sharing, ou canda menos shadowing, método infinitamente máis eficaz para aprender a falar ou ter un acento. “Listening” non debería ser difícil. Se o é, córrese o risco de crear affective filters no alumno. Sira e o robot reduce estes chamados filtros afectivos coa creación dun mundo divertido e de moita riqueza semiotica, un mundo de imaxinación e do insólito.

-Nun primeiro momento foron aparecendo voces de moitas persoas, diferentes acentos para as dúas linguas, como conseguistes atraer a tanta xente para participar neste proxecto e cantas persoas de diferentes linguas estiveron participando?
As persoas que participaron nos primeiros libros, sobre todo o primeiro, que ía un pouco sobre o plurilingüísmo, o fixeron con moita ilusion. Mesmo tivemos algunhas solicitudes para participar (risas). Estructuramos o argumento ao redor dalgúns deses actores. Nalgún momento queríamos usar o suahili, pero como non coñecíamos ningunha persoa que o falase optamos por outro idioma. Agora reducimos un pouco o elenco por razóns loxísticas, e tentamos pagar algo ás persoas que teñan máis compromiso.

-Houbo algunha clase de dirección artística para este traballo?
En Sira e o robot III: Trial by Fire botamos man do director Roi Vidal que nos levou a un novo nivel.

-Quen foi perfilando, ideando e dándolle forma aos personaxes? En que tipos de persoas pensabades cando os creabades?
Todos. A creación dun mundo ficcional pode ser un proceso interactivo, e como un xogo tamén, que se enriquece das posibilidades que ofrecen a música, o teatro radiofónico e a ilustración. Reaccionamos ás necesidades das ideas que van xurdindo. Neste libro novo hai un xogo interesante cun palíndromo, por exemplo.

-Un palíndromo?
That’s right! Outro exemplo dos Easter Eggs que nos gusta tanto despositar nos libros para os lectores que teñen curiosidade.

-O mundo de Sira e o robot está ambientado nun futuro onde hai viaxes intergalácticas, naves espaciais etc, queriades transmitir algo especial creando ese mundo futurista?
Os seres humanos non pensamos ben a longo prazo. Está bastante investigado. Non entanto, hai asuntos no porvir que son dunha importancia sobrecolledora, como a chegada da Intelixencia Artificial, o que se coñece como the Singularity. Non hai debate xa sobre se pode existir nun futuro ou non. A cuestión é cando acontecerá. Pero con calma, ho! Escribir desde o futuro ofrécenos moitas posibilidades, crear heterotopias, hipotetizar, inventar, achegarnos a debates éticos importantes, pero sempre dende o cariño e o humor, a aventura e o xogo libre.

Quen compuxo e arranxou as cancións? Quen fai que cousas?
As cancións e os textos son productos dun esforzo colectivo de varias persoas, con todas esas características, semente, crecimento, modificación, adaptación e produto final. Igual que Lennon/McCartney, pois Wiersma/Mosqueira

-Xa ides pola terceira entrega de Sira, que se está preparando aínda, haberá sorpresas para esta nova entrega?
Hai moitas sorpresas e creación de mundo. A ver se conseguimos sacar unha edición Remastered para o público xeral, que en principio a totalidade desta edición, que sae en xaneiro como parte da inciativa Galicia crea ambiente, vai para mil colexios de Galicia. Mentres tanto xa imos avanzando varias entregas. Imos só por unha terceira parte da serie, así que quedan moitas aventuras aínda por desvelarvos. En Trial by Fire, desenvolvemos a personaxe de Winston por exemplo, que aparece en Adventures on Titan e hai outros cameos interesantes tamén.
Pódese estar ao tanto visitando a páxina web de Sira e o robot , ou mediante as novas tecnolóxicas e disparates distópicos en Twitter @SiraEORobot

Nado en Xove. Redactor en medios online, gabinetes de prensa, campañas electorais e bolseiro en medios radiofónicos. Desenvolvemento de proxectos web municipais e posicionador SEO. Blogueiro, community manager e investigador.