AECT Rio Miño – Tomiño acollerá o día 21 unhas xornadas europeas sobre cooperación transfronteiriza

Serán inauguradas por Alfonso Rueda, Conselleiro da Presidencia da Xunta de Galicia

aect

Tomiño | XORNADAS A NOVA AECT RÍO MIÑO DESDE UNHA VISIÓN COMPARADA: A RAIA E EUROPA

Obxectivo

Coñecer experiencias de éxito na Península Ibérica e en Europa en canto á cooperación transfronteiriza se refire. Dar a coñecer a nova AECT RIO MIÑO, en fase de constitución

Proposta Temática

Nas últimas tres décadas, e sobre todo grazas ás políticas de cooperación territorial e transfronteiriza da Unión Europea, xurdiron no espazo comunitario múltiples estruturas que buscan forxar proxectos territoriais máis alá das fronteiras dos estados-nación. Desde a Regulación Nº 1082/2006 (modificada pola Regulación Nº 1302/2013), foron creándose no contexto ibérico unha vintena de AECT e máis de cincuenta no espazo común.

As novas territorialidades terán forma de eurorrexións, eurocidades, macrorrexións, etc. e buscarán as sinerxías entre distintos socios para reforzarse e complementarse mutuamente. A gobernanza multinivel nos espazos tansfronteirizos facilita novas areas políticas nas que encontrar un marco de acción dentro do marco europeo, no que os actores sociais, políticos e económicos se multiplican.

No contexto da raia galaico-portuguesa, a Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal e a máis recente Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal (AECT-GNP), son dous referentes da cooperación a nivel europeo. Nesta Eurorrexión desenvolvéronse nos últimos anos múltiples programas e proxectos de índole transfronteiriza, de xeito que se pode afirmar que existe un amplo coñecemento na materia.

Neste sentido, a iniciativa conxunta da Deputación de Pontevedra e mais da Comunidade intermunicipal do Alto MINHO de promover a creación dunha AECT no espazo do Miño/Minho transfronteirizo, busca reforzar as sinerxías existentes entre ambas as beiras do río. As distintas estruturas de cooperación transfronteiriza existentes así como as iniciativas desenvolvidas nos últimas anos na zona amosan a vontade de traballar en común, de xeito que a AECT vén consolidar esta vivencia do transfronteirizo.

A AECT Río Miño non persigue sustituír nin sobrepoñerse a outras estruturas a distintas escalas (local, como a Amizade Cerveira-Tomiño, Eurocidade Tui-Valença, ou rexional, como a citada AECT Galicia-Norte de Portugal), sino cooperar con elas co obxectivo de reforzar a presenza do espazo transfronteirizo do Miño/Minho nos debates sobre a cooperación transfronteiriza da raia.

Co gallo de coñecer experiencias de éxito na Península Ibérica e en Europa, cremos necesario organizar unha xornada de traballo na que se poidan debater os resultados obtidos ata o momento doutras AECT de maior percorrido.

É necesario xa que logo aprender dos logros e, tamén, das debilidades doutras experiencias, que sirvan de guieiro para o lanzamento e primeiros pasos da AECT Río Miño. Por iso, esta xornada pode ser de interese para todas aquelas persoas vinculadas co transfronteirizo, en especial na área do Río Miño, de xeito que se poida debater o presente e o futuro da AECT Río Miño.