Tomiño amplía a súa rede de saneamento

Cun investimento de preto de 450.000€ en Carregal

Tomiño | O Concello de Tomiño vai investir preto de 450 mil euros na ampliación da rede de saneamento do lugar de Carregal, na parroquia de Amorín. Concretamente, as obras consistirán na creación dun novo tramo de colector de 2268 metros de lonxitude, ao que poderían engancharse máis de 85 novas vivendas, dando servizo a máis de 250 persoas. O custe total do proxecto ascende a 439.884,44 euros.

Co fin de informar aos colectivos sociais (Asociación de veciños e veciñas e Traída de augas CUA), o Concello celebrou unha xuntanza nestas semanas, na que o concelleiro delegado da área, Lois Vázquez, acompañado polo equipo redactor do proxecto e a alcaldesa, explicou en detalle a intervención, que se vai iniciar de cara á primavera, cando as condicións meteorolóxicas melloren.

“Estas obras forman parte da iniciativa do Concello de Tomiño para seguir ampliando o saneamento no municipio, cunha rede que pasou de cubrir a tan só o 20% das vivendas, cando chegou este goberno á Alcaldía, a dar servizo na actualidade a preto do 62% das casas tomiñesas. Para logralo, o goberno municipal investiu ao longo destes anos mais de 7 millóns de euros na ampliación da rede de saneamento”, informou a alcaldesa, Sandra González, durante o encontro. Por último, falouse dalgunhas consideracións legais como a obrigatoriedade de unirse ao servizo de saneamento para as vivendas situadas a menos de 50 metros da rede, advertindo que non se poderá usar fosas sépticas nestes casos, tras a entrada en servizo da rede pública, como tampouco estará permitido o vertido de augas pluviais e brancas á rede.

Outras obras
As obras de Carregal de Arriba veñen a sumarse ás levadas a cabo neste ano nos barrios de Arrotea, Torneiro, Vilachán e O Xibao, cun investimento de 187.004,31 euros, co obxecto de substituír un pequeno tramo da rede que estaba dando problemas de funcionamento a 9 vivendas e ampliar, ademais, unha zona que dá servizo a outras 25 casas. O orzamento foi de 187.004,31 euros.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.