Tomiño | O Concello de Tomiño avanza na rehabilitación enerxética do edificio de usos múltiples anexo ao mercado de Goián (o segundo núcleo urbano do municipio), grazas a unha axuda do IDAE (Instituto de Diversificación e Aforro Enerxético) cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), para proxectos singulares de entidades locais que favorezan o paso a unha economía baixa en carbono.
O obxectivo da obra, que aínda está sen rematar (planta superior e terraza) son, principalmente, os de eficiencia enerxética, polo que é necesario levar a cabo a rehabilitación enerxética da fachada cun sistema de illamento exterior, así como a reforma da terraza e a renovación da cuberta e instalación de nova carpintaría de aluminio con triplo acristalamento e marco de cinco cámaras.
O principal problema atopábase nos problemas de condensación, filtracións e de ausencia de illamento térmico en toda a envolvente, o que provocaba un elevado consumo enerxético para acondicionar o interior, tanto en inverno, como en verán, producíndose grandes perdas de enerxía.
Neste senso, calcúlase que o aforro enerxético será moi importante (de 134.952,46 Kwh ao ano a 62.031,46), pasando dunha cualificación enerxética E a unha C. Así mesmo, conseguirase unha redución de gases de efecto invernadoiro de máis do 50%, pasando de 22.850 a 10.500 KgCO2 ao ano).
O orzamento total das obras ascende a 288.197,80 euros, cubrindo o 80% desta cantidade o IDAE, e o resto, o propio Concello.
Dáse a circunstancia de que o edificio, construído no ano 1950, está incluído no Catálogo de Patrimonio con protección ambiental, polo que todas as actuacións necesitaron a autorización da Consellería de Patrimonio.
Con esta nova subvención, xa son cinco grandes proxectos con financiación do IDAE que o goberno local foi quen de conseguir nos últimos anos, logrando a achega de fondos por un importe superior a 1.3 millóns de euros, que se dedicaron á rehabilitación enerxética de diferentes edificios públicos (Benestar Social, Policía Local, Concello, Escola Obradoiro) e á reconfiguración de espazos públicos en Goián.
Espazo para a mocidade
Paralelamente á obra, o Concello está traballando na redacción dun proxecto sobre os usos a que se vai dedicar esta parte importante do edificio da antiga praza de abastos, destinando outra partida de 60.000 euros de fondos propios para reformar o interior de dito espazo.
Existe a intención de crear un espazo para a mocidade de Goián, coa habilitación de zonas destinadas á creación de iniciativas empresariais vencelladas á arte e a outros proxectos creativos; co-working, etc.
A planta baixa da edificación inaugurouse provisionalmente o pasado día 2 de xullo, cunha magnífica exposición do recoñecido escultor de Goián, Magín Picallo, que permanece aberta até o vindeiro domingo, 10 de xullo, coincidindo cas festas da parroquia.