Tomiño | O Concello de Tomiño mantén unha firme aposta pola educación pública e continúa traballando para mellorar as capacidades e habilidades do alumnado, sempre dun xeito integral e involucrando a todos os axentes implicados. E ese é un dos obxectivos centrais da III Semana da Educación, que este ano terá lugar do 19 ao 22 de febreiro baixo o lema ‘Da casa á escola: ferramentas para unha educación eficiente’.
Trátase dunha actividade xa consolidada dentro da programación do municipio tomiñés coa que o goberno local quere tamén “visibilizar a importancia que ten a educación na sociedade”, como destacou a alcaldesa de Tomiño, Sandra Gónzález.
Durante catro días, o auditorio de Goián (19.00 horas) acollerá as conferencias de catro destacados profesionais do mundo da educación, a comunicación, a psicopedagoxía e a investigación que afondarán en cuestións como a motivación dos nenos e nenas, no bullying, na educación na adolescencia ou no establecemento de normas e límites.
A III Semana da Educación é unha actividade aberta na que se convida a participar a todos os axentes implicados, dende a comunidade educativa, profesores ou alumnado ata a familias ou profesionais do sector. A importancia destas xornadas está avalada por dúas edicións anteriores que “foron todo un éxito”, algo corroborado “pola gran asistencia de público, que se achega desde doutros lugares da comarca e mesmo de fóra do Baixo Miño pola importancia dos poñentes que reúne cada ano”.
Unha semana para aprender
Javier Cebreiros, doutor en Comunicación e socio do espazo de innovación social ‘Impact Hub Vigo’ e da empresa InfoJC, será o encargado de inaugurar a semana de conferencias o luns 19 de febreiro. Durante a súa intervención falará sobre a ‘Comunicación con emoción: a motivación está sobrevalorada’, na que a través de ferramentas prácticas, anécdotas e datos científicos ponse en valor a capacidade de elixir a actitude a adoptar en cada momento.
Alba Alonso será a protagonista na segunda xornada da III Semana da Educación o martes 20 de febreiro coa súa charla sobre ‘O bullying de xénero ou cando o mundo rosa/azul tórnase negro’. Especialista en maxisterio e cofundadora de RealKiddys, un proxecto para promover a igualdade de xénero entre a infancia, Alonso concienciará aos presentes sobre o estado actual do bullying en aulas e fogares e ofrecerá varias ferramentas para actuar contra os diferentes tipos de acoso escolar.
O educador social e mestre na Universidade de Barcelona Carles Vila será o encargado de impartir a conferencia do mércores 21 de febreiro, centrada en ‘Como escoitamos e miramos ás persoas adolescentes?’. Con máis de 19 anos de experiencia traballando con mozos e mozas, Vila promoverá a reflexión sobre os condicionantes cos que as persoas adultas miran ás persoas adolescentes e como isto inflúe nos procesos de educación.
María Hidalgo pechará a terceira edición da Semana da Educación de Tomiño o xoves 22 de febreiro coa súa conferencia sobre ‘Claves educativas para empoderar ás familias: como consensuar normas e límites esenciais’. Licenciada en Comunicación Audiovisual e máster en Cultura de Paz, Conflitos, Educación e Dereitos Humanos, Hidalgo dividirá a súa conferencia en catro bloques para falar das habilidades esenciais que os rapaces e rapazas deben de aprender fóra das aulas, dos riscos de educar dende o medo en lugar de desde o respecto, das prácticas nocivas na educación que se lle da aos fillos e fillas e da importancia do establecemento de normas e límites.
Inscrición
A participación nas xornadas da III Semana da Educación é de balde, previa inscrición. Todas e todos os interesados poden solicitar máis información ou anotarse na propia oficina da OMIX, no Barrio da Rocha 8, enviando un correo electrónico a omix@tomino.gal (facilitando nome, apelidos, DNI, mail e teléfono) ou ben chamando ao 986 62 20 01. O prazo de inscrición estará aberto ata o vindeiro 14 de febreiro ás 13.00 horas. Todas as persoas que participen recibirán un certificado de asistencia.