Tomiño | A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, e o presidente da cámara municipal de Vila Nova de Cerveira e director da AECT Río Minho, Fernando Nogueira, desprazáronse este luns á cidade do Porto para manter unha reunión coa recén escollida presidencia da Comissão de Coordenação e Desenvolvimento Regional do Norte (CCDR-N), o homólogo administrativo da Xunta de Galicia no norte do país luso.
Neste senso, os alcaldes aproveitaron para reivindicar o traballo de colaboración realizado entre os municipios de Vila Nova de Cerveira e Tomiño no marco da Eurocidade Cerveira-Tomiño, explicando as accións, actividades e proxectos acometidos desde a súa posta en marcha. En concreto estiveron presentando o proxecto do Parque da Amizade Cerveira-Tomiño, inserido na rede de rutas verdes transfronteirizas do río Miño, onde puxeron en valor o traballo realizado para a creación do mesmo de forma conxunta.
Comentouse o estado do proxecto da pasarela peonil, elemento fundamental para a unión do Parque do Castelinho, situado en Vila Nova de Cerveira, co Espazo Fortaleza, na beira tomiñesa. O Estudo de Arquitectura Burgos & Garrido atópase traballando no anteproxecto da mesma, ao tempo que se están pondo en contacto con todas as administracións que teñen que dar autorizacións sectoriais.
Esta mañá, os alcaldes mantiveron xunto con representantes do estudo, unha reunión con persoal da Agência Portuguesa do Ambiente (APA), no marco da rolda de contactos que se teñen mantido durante os últimos meses para presentar o proxecto do Parque da Amizade.
A Eurocidade Tomiño – Cerveira aspira a captar investimentos europeos no cadro comunitario durante os vindeiros anos, aos que se presentarán diversos proxectos, ademais de volver a conseguir a adxudicación de fondos do Programa INTERREG V-A España-Portugal (POCTEP).