Tomiño e Lugo apoian proceso de descentralización en Guinea-Bissau

A través dun programa do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade e a AECID

Pontevedra | Persoal técnico dos Concellos de Lugo e Tomiño desprazaranse nas próximas semanas a Guinea-Bissau para colaborar na descentralización administrativa da Rexión de Cacheu a través do programa Especialistas en Cooperar, impulsado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. Intercambiarán experiencias sobre o terreo para mellorar a recadación de impostos e taxas locais.

O labor de Teresa Vila, técnica de fondos europeos do Concello de Lugo, e de Xoán Amós, axente de desenvolvemento local no Concello de Tomiño, será compartir coñecementos en materia de finanzas municipais para elaborar unha primeira diagnose das eivas que presenta o sistema de recadación en Guinea-Bissau. O país lusófono non conta polo de agora con municipios formalmente constituídos, senón que as rexións se estruturan en diversos sectores administrativos que precisan fotalecer a súa capacidade de xestión para, deste xeito, promover unha gobernanza democrática e transparente.

Neste senso, os especialistas galegos reuniranse con persoal tanto do Goberno Rexional como dos sectores de Cacheu, Canchungo, Bula e Bigene/Ingoré para identificar as carencias e mais as vías para subsanalas, propoñendo de maneira conxunta ferramentas alternativas que melloren a recadación para que esta redunde, á súa vez, no benestar da poboación a través das políticas e os servizos públicos. Por outra parte, aproveitarán para supervisar os proxectos de cooperación internacional impulsados polo Fondo Galego en Guinea-Bissau en materia de abastecemento de auga e educación da infancia.

“A nosa presenza contribuirá a concienciar sobre a importancia de certas accións para favorecer o desenvolvemento local e a reforzar as capacidades do funcionariado para levalas a cabo”, comenta Teresa Vila, que ve ademais esta experiencia como unha “aprendizaxe vital”. Para Xoán Amós, participar no programa Especialistas en Cooperar supón “poñerse a disposición da poboación local para axudarlles a acadar os seus obxectivos”, neste caso, “incrementar os ingresos públicos para reinvestilos en servizos para a sociedade”, e subliña o feito de “involucrarse en proxectos que teñen realmente un impacto positivo e eficaz”.

Unha ducia de traballadoras e traballadores de nove concellos galegos presentaron a súa candidatura para participar na terceira edición de Especialistas en Cooperar, que se desenvolve en Guinea-Bissau e Cabo Verde. Alén da formación e a experiencia, valorábase a vinculación co eido da cooperación e do desenvolvemento sostible. A iniciativa conta co financiamento da Agencia Española de Cooperación Internacional al Desarrollo (AECID), a través da Confederación de Fondos de Cooperación y Solidaridad, no marco dun programa máis amplo a catro anos encamiñado a fortalecer as capacidades locais nestes países.

Cooperación técnica
A cooperación técnica é unha das ferramentas máis potentes e distintivas da cooperación internacional ao desenvolvemento impulsada polos gobernos locais, pois supón aproveitar o know how dos municipios para reforzar as capacidades das administracións públicas e asociacións das sociedades máis desfavorecidas, facilitando respostas profesionais e formación adecuada ás súas necesidades. Ese é precisamente o principal obxectivo de Especialistas en Cooperar, que tamén favorece o intercambio de experiencias e un maior coñecemento da realidade dos países que o Fondo Galego está a apoiar.

A través de Especialistas en Cooperar e mais do anterior programa de voluntariado internacional para persoal municipal, Vacacións con Traballo, desde o ano 2005 un total de 55 empregadas e empregados da administración local teñen colaborado cos parceiros do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade en Nicaragua, Cuba, Perú, Mozambique e Cabo Verde, contribuíndo así á mellora da calidade de vida da poboación e xerando fluxos de coñecemento compartido. A reconfiguración do programa, que se retomou en 2022 tras ficar suspendido por mor da Covid-19, busca potenciar a súa dimensión de cooperación técnica no marco da Axenda 2030 e dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible.

Un dos países máis empobrecidos
Se ben a República de Guinea-Bissau vén experimentando certo crecemento grazas á subida de prezo do anacardio -a súa principal exportación-, a inestabilidade política ten sido un grave condicionante para o seu desenvolvemento. A isto súmase a destrución do tecido económico e social na guerra civil de 1998, cuxas consecuencias perduran hoxe en día, situándoo entre os dez países máis pobres do mundo.

O PIB per cápita é de 753€, mentres que a esperanza de vida se acha nos 58 anos. No entanto, a riqueza natural e cultural de Guinea-Bissau supón un gran potencial e existen iniciativas locais desde as que se loita por reverter a situación.

“O PIB per cápita en Guinea-Bissau é de 753€, mentres que a esperanza de vida se acha nos 58 anos”

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 115 concellos e as catro deputacións de Galicia, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur Global e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Recoñecido como axencia municipal da cooperación galega, o Fondo Galego vai cumprir 28 anos tendo apoiado uns 200 proxectos en máis de trinta países e promovendo numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur e a Axenda 2030.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.