Tomiño | O Concello de Tomiño continúa coa súa aposta estratéxica polo deporte no municipio, tanto polos clubs consolidados e polos deportistas individuais como polo deporte de base.
Neste camiño, o Goberno municipal investiu 1,1 millóns de euros nas diferentes instalacións deportivas do concello, espazos que cada día son empregados por centos de deportistas tomiñeses e tomiñesas das máis variadas disciplinas, dende fubtol ata judo, piragüismo, patinaxe, boxeo, skate, calistenia, tenis ou atletismo, entre moitas outras.
“O deporte é fundamental para a vida. É saúde, compañeirismo, amizade… é son valores importantísimos para os nosos cativos e cativas”, salienta a alcaldesa, Sandra González. “Queremos que nenos e nenas vexan na actividade deportiva un espazo de desenvolvemento do seu futuro, por iso dende o Concello facemos un esforzo especial para que Tomiño dispoña dunhas instalacións boas, versátiles e melloradas de forma continua”, recalca a rexedora.
O Concello investiu máis de 430.000 euros en diferentes intervencións para reformar o Campo de Fútbol O Alivio, no que se colocaron novas torres de iluminación con focos LED de baixo consumo, instalouse céspede artificial, melloráronse bancadas e escaleiras e reformáronse os vestiarios, con máis duchas, chan novo ou termos eléctricos de maior capacidade.
O Campo de Fútbol Lito Oliveira tamén conta con céspede novo e con outras melloras “realizadas contando cos usuarios e usuarias, xa que son eles e elas as que mellor nos poden contar o que precisan para que dende o Concello sigamos investindo en xuventude e deporte”. En total, foron máis de 206.000 euros. Tamén se procedeu ao cambio de céspede no Campo de Fútbol da Carballa, ademais de instalarse un novo marcador e paneis solares ou mellorar os vestiarios.
O Complexo Deportivo do Mosteiro foi outra das instalacións deportivas nas que se acometeron diferentes intervencións, como nas pistas de atletismo, nas pistas de tenis e nas pistas polideportivas de uso compartido para deporte escolar e para o público xeral en horario non lectivo. Foi a este espazo onde o Concello trasladou as instalacións de calistenia, reubicándoas así nun emprazamento máis axeitado para a realización deste deporte, algo que viñan demandando as persoas practicantes deste deporte.
A pista de skate de Goián foi tamén unha clara aposta do Goberno municipal por outras actividades deportivas. Un investimento de máis de 200.000 euros para a creación deste skatepark que, dende a súa apertura, permitiu crecer á comunidade de usuarios e usuarias que practican deportes como skate, scouter, BMX… Estas instalacións son un claro exemplo “da importancia da captación de fondos externos como os da Deputación de Pontevedra para seguir mellorando os espazos deportivos de Tomiño”, como explica o concelleiro de Deportes, Francisco Campo. Por outra banda, tamén se realizaron importantes obras de reforma no pavillón deportivo de Goián, cambiando completamente as instalacións de fontanería, que se atopaban moi deterioradas, cambiando luminarias e mellorando os vestiarios. Ademais, o Goberno municipal investiu arredor de 193.000 euros no cambio de piso e de luminarias do pavillón da Carballa.
A petición do Club Deportivo Miño-Teixugos leváronse a cabo a reparación de danos da cuberta e pintado da sede, preparación de baños, cambio de portas, instalación de pechadura automática…, ampliando así as instalacións de adestramento coa adecuación do edificio de Aduanas para que as e os deportistas contaran cun espazo de adestramento cuberto para os días nos que non sexa posible saír ao río.