Tomiño | O Concello de Tomiño volve ser un dos primeiros concellos galegos en aprobar os seus orzamentos para o ano 2024. O Concello levará a vindeira semana a pleno para a súa aprobación por parte da corporación municipal uns orzamentos nos que o benestar social, as medidas contra o cambio climático e a captación de fondos europeos para investimentos transformadores serán os grandes protagonistas.
Uns orzamentos que, con máis de 9 millóns de euros e un incremento do 5 % con respecto aos de 2023, xa son os máis altos da historia de Tomiño.
“Son uns orzamentos pensados por e para as persoas, centrados na posta en marcha de medidas, iniciativas e proxectos que nos permitan mellorar a vida dos nosos veciños e veciñas. Uns orzamentos históricos que medran grazas á boa xestión e capacidade de captación de fondos externos do Goberno municipal, xa que a diferenza da maioría dos municipios da comarca Tomiño optou pola conxelación de impostos e taxas”, destaca a alcaldesa, Sandra González.
Os novos orzamentos contemplan unha redución do gasto en enerxía eléctrica e no tratamento de residuos produto do forte compromiso ambiental das políticas municipais que se levan implementado nos últimos anos. Así, o Goberno municipal reduce nun 20 % a partida para gastos en enerxía eléctrica tras controlar o prezo da enerxía cun contrato durante este ano que estabiliza o custe e coa implementación do proxecto de renovación do alumeado público financiado cun millón de euros de fondos europeos, a través do que se substituirán un total de 3.000 puntos de luz por tecnoloxía LED.
Por outra banda, no camiño da implementación de medidas para loitar contra o cambio climático, tamén se recolle o descenso do 20 % do gasto no tratamento de residuos debido á redución de envío de materia orgánica a Sogama que está sendo reciclada “froito da política de fomento da compostaxe que levamos aplicando dende hai moitos anos e no que somos un concello referente”.
Con máis dun 1,3 millóns de euros, o gasto social representa o 15 % do total dos orzamentos e supón o investimento máis importante para o vindeiro ano. Desta partida, máis de 900.000 euros estarán destinados ao Servizo de Axuda no Fogar, aos que hai que sumarlle os 250.000 euros que se empregarán no mantemento dos centros educativos tomiñeses e no financiamento do Centro de Día e das escolas infantís.
Grazas á capacidade de captación de fondos europeos por parte do Concello, o vindeiro 2024 o Goberno municipal levará a cabo proxectos transformadores que suporán un investimento de máis de 5,2 millóns de euros. Ao máis dun millón de euros para a renovación do alumeado público de fondos NextGenerationEU sumaranse os 1,5 millóns da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil para a creación dunha senda peonil no río Pego e a solución co colector xeral que vai nese tramo ou o millón de euros conseguidos a través do PON2030 da Deputación de Pontevedra para o proxecto ‘Integra Tomiño’, que contempla a rehabilitación enerxética da Casa da Cultura e melloras na contorna.
A loita contra o cambio climático e a promoción da igualdade serán tamén os eixos centrais doutros dous proxectos que desenvolverá a Eurocidade Cerveira-Tomiño para os que se acadou unha subvención de 900.000 euros de fondos FEDER a través do programa POCTEP. Fondos europeos serán tamén os máis de 300.000 euros para o apoio ao comercio local ou os máis de 560.000 euros do Programa de Impulso á Rehabilitación de Edificios Públicos (PIREP) para a transformación da Casa dos Mestres de Sobrada na Casa do Tempo, un lugar dixital, interactivo e inclusivo destinado á recollida e conservación de documentos gráficos e audiovisuais sobre os usos, costumes, patrimonio e tradicións desta parroquia.