Tomiño participará na campaña #UnÁrbolPorEuropa no Día Internacional do Medio Ambiente

A través do seu Consello da Infancia e Adolescencia

Tomiño | Tomiño participará, a través do seu Consello da Infancia e Adolescencia “Voces Novas” na celebración do Día Internacional do Medio Ambiente (5 de xuño). Convidado pola Oficina do Parlamento Europeo en España, o Concello sumarase á Campaña #UnÁrbolPorEuropa, promovida polos mozos e mozas europeístas de Equipo Europa (a proposta de David Sassoli, presidente do Parlamento Europeo) sumándose así aos 450 municipios que plantaron xa máis de 9.000 árbores.

No caso de Tomiño, será unha ducia de especies autóctonas as que se plantarán nun terreo situado a carón do edificio de Benestar Social, no barrio da Rocha. O acto simbólico, organizado polas concellerías de Medio Ambiente e Mocidade de Tomiño, terá lugar o vindeiro xoves 3 de xuño e participarán compoñentes do Consello da Infancia e Adolescencia e autoridades municipais. Tras a plantación, descubrirase unha placa en madeira conmemorativa realizada polo artista local Ignacio Moure.

O obxectivo é conseguir que tantos municipios como sexa posible, se unan á campaña antes do 5 de xuño de 2021, Día Internacional do Medio Ambiente.

“Tras máis dun ano de traballo, conseguimos sumar 450 municipios que plantaron un total de 9.000 árbores en todas as comunidades autónomas de España. O éxito da nosa campaña non sería posible sen o seu compromiso e apoio”, explica María Andrés Marín, directora da Oficina do Parlamento Europeo en España.

Dende a devandita oficina piden que se dea toda a difusión e visibilización posible ao acto, co fin de sensibilizar á sociedade sobre a importancia de coidar o medio.

Paralelamente, están a traballar noutras campañas coma #12Estrelas; unha acción para promover a sustentabilidade local nos municipios con propostas e iniciativas reais, ou #UnaAcciónLocalConImpactoGlobal, na que se poderá participar con suxestións, difusión, reunións virtuais ou presenciais que teñan relación con accións encamiñadas a acadar os obxectivos de desenvolvemento sustentable.

Máis información en https://equipoeuropa.org/unarbolporeuropa/