Tomiño | Dende o Concello de Tomiño estase a elaborar o segundo Plan de Infancia e Adolescencia Municipal, para mellorar as condicións de vida da xente máis nova. Para iso a Concellería de Participación Infantil que dirixe Fátima Rodríguez, vén de deseñar e colgar na web municipal (https://tomino.gal/infancia-e-adolescencia/), unha enquisa (“As nenas, nenos e adolescentes de Tomiño OPINAN”) co fin de coñecer a opinión de todas as persoas menores de 18 anos “xa que só achegándonos a vosa realidade dende o voso punto de vista poderemos crear un entorno máis amigable e centrado nas vosas necesidades reais”, explica a concelleira.
Esta contou coa colaboración dos e das integrantes do Consello da Infancia e Adolescencia “Voces Novas” de Tomiño, na formulación do instrumento de consulta.
Entre as preguntas que se fan na enquisa, figuran, por exemplo, o grado de satisfacción coas actividades organizadas polo Concello; a cantidade de información sobre as mesmas e os canles a través dos cales chega esa información á poboación infantil e adolescente, etc. “¿Cres que o Concello debería contar máis coa vosa opinion e suxerencias a hora de programar as actividades?; ¿Coñeces o grupo de participación Infantil e Xuvenil Voces Novas?”, son outras das preguntas que se plantexan.
Ademais, a mesma pide ás persoas que participan, que valoren os recursos con que conta o lugar de residencia, como a existencia de parques de xogo, instalacións culturais e deportivas; centros de ensino, transporte público, xardíns e zonas verdes, acceso a internet, carrís bici, etc.
Así mesmo, a ferramenta pregunta polas “dificultades, problemas e necesidades da infancia e da adolescencia”, dando alternativas para marcar como as que siguen: falta de recursos económicos, problemas familiares, consumo de drogas, discriminación e racismo, homofobia, acoso, bulling, atención á discapacidade, problemas de saúde mental, falta de motivación, etc.
O Consello da Infancia e da Adolescencia de Tomiño naceu coa intención de establecer unha canle permanente de participación na actividade municipal de nenos, nenas e adolescentes, especialmente para tratar aquelas cuestións que lles afecten dun xeito directo.
Co funcionamento deste organismo Tomiño coseguíu o selo de Cidade Amiga da Infancia concedido por Unicef, que recoñece o labor dos municipios a prol de mellorar as condicións de vida dos nenos, nenas e adolescentes, de fomentar a súa participación activa na vida municipal e a promoción e implantación de políticas locais que garantan o seu desenvolvemento integral cun enfoque de dereitos.
Neste sentido, Voces Novas vén de facer entrega á concelleira da área, dunha serie de propostas para loitar contra o acoso escolar, traballar a prol do medio ambiente e conseguir espazos públicos máis seguros.