Tomiño | O goberno municipal de Tomiño levará ao pleno municipal que se celebrará este luns un expediente de modificación de crédito por valor de 75.000 euros, que serán financiados co remanente líquido de tesourería para gastos xerais. A finalidade desta modificación é a de financiar a demolición do edificio no que se atopan as dependencias do Xulgado de Paz, cuxo proxecto xa está redactado, como paso previo á edificación da futura biblioteca municipal. Na partida tamén están contemplados os custes da mudanza e o acondicionamento do novo local no que se vaia a aloxar.
O obxectivo desta intervención, que se espera levar a cabo nos próximos meses, é o de preparar o terreo de cara á resolución dos fondos europeos que terá lugar tamén nos vindeiros meses, e dos cales o goberno municipal aspira a conseguir captar unha partida que axude a financiar parcialmente a construción da biblioteca. que se levará a cabo no presente ano. Do mesmo xeito espérase conseguir tamén a reposición da partida orzamentaria provinte do Estado conseguida no ano 2011 por un valor de 500.000 euros e que se terminou anulando, motivo polo cal o Ministerio foi condenado a indemnizar ao Concello con máis de 40.000 euros polos custes da tramitación administrativa.
A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, reivindica a importancia que este proxecto ten para o municipio poñendo tamén en valor o xeito no que foi deseñado, contando coa participación de multitude de colectivos sociais e veciñais. “Non queríamos que fose só un depósito de libros, como o eran antes as bibliotecas, senón convertela tamén nun centro de dinamización cultural, nunha área de recreación e que tivese múltiples funcionalidades. E este proxecto non sae dunha simple ocorrencia, senón que foi pensado e deseñado estudando outros exemplos de referencia e cunha consulta á cidadanía, na que participaron máis de 300 persoas pertencentes a ducias de colectivos e asociacións”, sinala.
O edificio, que irá situado en pleno núcleo urbano do Seixo a carón do Mercado Municipal, contará con catro andares ademais dun soto que albergará o arquivo municipal, o fondo bibliográfico e outras dependencias.
Na planta baixa estará o acceso principal ao edificio, e nela estarán os espazos máis ruidosos e dinámicos (área infantil, mediateca, espazo multiusos, etc.). O primeiro andar irá destinado á zona de consulta e estudo da biblioteca, ademais dunha zona de terraza-xardín exterior para a realización de actividades ao aire libre. No segundo andar instalaranse as dependencias da Concellería de Cultura e da Aula CEMIT, na que se poderán facer tamén actividades de formación, e por último na planta de baixocuberta haberá espazos de usos múltiples como a organización de conferencias e obradoiros, contando tamén cunha zona de terraza.