Tomiño publica folletos turísticos en tres idiomas para a nova tempada estival

A publicación, recolle os principais valores do patrimonio natural, arqueolóxico, relixioso, arquitectónico e etnográfico, cun mapa onde se inclúen 34 lugares que visitar

Tomiño | O Concello de Tomiño vén de publicar, co apoio da Deputación Provincial, e de cara ao verán, trípticos cos principais puntos de atracción turística do municipio.

A publicación inclúe 34 lugares de interese, diferenciados -con distintas cores- por pertencer ao patrimonio natural, arqueolóxico, relixioso, arquitectónico ou etnográfico, e espallados ao longo dun mapa no que aparecen estradas, ríos e outras referencias de orientación para o visitante.

O folleto, publicado en galego, castelán e inglés, posúe tamén un código QR, para acceder á información a través do móbil ou GPS, e poder chegar aos sitios de interese se maiores dificultades nin perdas de tempo.

turisticos

 

No apartado de patrimonio natural, o folleto destaca a Senda do Río Miño (Goián), a Área recreativa fluvial da Pedra (Río Cereixo), Monte Tetón, Brañal de Pinzás, Praia fluvial de Goián e Aula da Natureza do Río Furnia.

O patrimonio arquitectónico e etnográfico lévase a palma, con 16 puntos de interese: Espazo Fortaleza (Goián), Muiños da Gandariña e da Regueira (Estás); Ponte romana Hospital; Aula Museo Antonio Fernández (Goián); Fortaleza dos Medos (Estás); Minarete de Estás, Forte de Amorín; Muiños do Porto (Vilameán); Aula Museo Abdón Alonso (Estás); Escola Hispanoamericana Goianesa, Praza do Seixo e Mercado Municipal, Ponte da Amizade (Goián-Cerveira), Pazo Torre de Tebra, escolas indianas Aurora del Porvenir e Unión del Porvenir, etc.

Dentro da arquitectura relixiosa, as principais propostas que se fan ao visitante son 5: Cruceiro de Goián, Igrexa de San Campio de Lonxe (Figueiró); igrexa románica de Santa María de Tomiño; San Salvador e Santa María de Tebra.

turisticos

 

Por último, no que respecta ao patrimonio arqueolóxico, recoméndanse os petróglifos, con gravados de hai 4000 anos, de Portaxes e Real Seco. Este último, presenta unha impresionante formación de 17 aneis concéntricos de 3,5 metros de diámetro, das maiores de Europa.

A concelleira delegada da área de Turismo, Fátima Rodríguez, explica que coa publicación deste material, e máis o folleto-guía editado pola Mancomunidade do Baixo Miño (con 150 lugares que visitar en toda a comarca), o visitante terá dúas ferramentas importantes para coñecer a zona en profundidade.