Tomiño | A cidadanía tomiñesa percibe como puntos positivos no seu concello o interese e dinamismo en actividades educativas, a existencia dun forte sistema de gobernanza e planificación municipal e de espazos de diálogo e participación cidadá. Tamén son ben valoradas as alianzas transfronterizas e o enfoque de inclusión social.
Por outra banda, existe a percepción cidadá de que hai unha maior concentración de actividades no núcleo urbano, en comparación coas áreas rurais; tamén da necesidade de incrementar as actividades de divulgación e sensibilización, e de fortalecer as relacións coas entidades locais.
Así o reflicte o Plan para a Implementación dos ODS do Concello de Tomiño, presentado esta mañá á cidadanía no Concello, que establece unha serie de accións concretas a curto, medio e longo prazo a nivel local para o período 2022-2024, dentro da Axenda 2030.
Os técnicos encargados da redacción da nova ferramenta expuxeron a mesma ante a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, varios concelleiros do goberno e da oposición, técnicos da Eurocidade e algúns representantes das asociacións coas que se traballou.
Así mesmo, estivo presente Carmen Novas, do Fondo Galego de Cooperación; organismo que promoveu o proxecto, co apoio da Xunta de Galicia e do Concello.
A responsable de comunicación do Fondo, salientou o feito de que Tomiño sexa un dos concellos pioneiros en redactar este plan de acción para alcanzar os obxectivos de desenvolvemento sustentable.
Pola súa banda, González agradeceu a tarefa realizada, cualificando o documento coma “unha folla de ruta moi interesante que axudará a marcar as liñas a seguir nos vindeiros anos, xunto a outros plans estratéxicos nos que levamos traballando dende hai tempo” (Plan Estratéxico con Cerveira, Axenda Urbana, Plan de Igualdade, etc.).
A Análise-Diagnose sobre a situación de Tomiño con respecto á súa contribución e aliñamento cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible e a Axenda 2030, foi realizado en base a unha metodoloxía participativa que combinou a revisión documental con encontros e entrevistas cos/as principais actores do concello (asociacións, comunidades de montes, partidos políticos, etc).