Ames | A localidade do Milladoiro recuperou a normalidade ao longo da xornada do domingo logo de que na tarde do sábado se temera un corte da auga por mor dunha vertedura no río Tambre.
A localidade amenceu con problemas de turbidez que se foron solucionando ao longo da xornada, foi precisamente esa turbidez a que obrigou a prohibir o baño na piscina do Milladoiro.
O Alcalde de Ames, Blas García, enviou esta mañá unha carta á Consellaría de Sanidade, á de Medio Ambiente e a Augas de Galicia para trasladarlle o seu malestar ante a falta de información oficial.
“O Concello de Ames vén de vivir unha fin de semana intensa por mor dunha crise coa captación da auga”
O Concello de Ames vén de vivir unha fin de semana intensa por mor dunha crise coa captación da auga. O sábado pola tarde o xefe de Servizo de Espina&Delfin informaba de que o Concello de Santiago deixara de captar auga no río Tambre pola existencia dunha vertedura de 200.000 litros de xurro ao río Tambre.
A potabilizadora de Santiago abastece ao Milladoiro, o núcleo máis poboado do concello, polo que estaba en risco a subministración. Por iso o Goberno Municipal lle solicitou aos veciños que consumisen a auga estritamente imprescindible.
As previsións eran que os depósitos de auga do Milladoiro quedaran sen auga entre as 00:00 ou as 01:00 horas da noite do sábado. Con todo, o temido corte do subministro non se chegou a producir.
Pasadas as 22:30 horas o Concello de Santiago volveu a captar auga, pois os resultados das análises realizadas daban parámetros da auga aptos para poder depurar. Así as cousas, non foi necesario nin cortar a auga nin abastecer cos camións cisterna que o Concello de Ames tiña preparados.
Coa captación recuperada Ames púxose a traballar: realizou unha análise para poder captar en Lens e revisou as reservas de auga existentes tanto nos depósitos municipais do Milladoiro coma no depósito xeral de Leboráns, para e asegurar a auga para as outras zonas do municipio.
Na xornada do domingo e pese a non ter que cortar o subministro apareceron problemas de turbidez en moitas zonas do Milladoiro.
Segundo os responsables do servizo da auga a turbidez débese a que as tubaxes quedaron sen auga temporalmente e ao volver a inxectar auga os residuos existentes mesturáronse coa auga.
O Goberno Municipal decidiu decretar a prohibición do baño na piscina do Milladoiro por mor desa turbidez. Do mesmo xeito, a imposibilidade de realizar análises no río Tambre motivou a prohibición do baño na Praia Fluvial de Tapia.
“O grao de turbidez da auga foise normalizando ao longo da xornada do domingo grazas á purga que dende Espina&Delfin realizaron en varios puntos do Milladoiro”
O grao de turbidez da auga foise normalizando ao longo da xornada do domingo grazas á purga que dende Espina&Delfin realizaron en varios puntos do Milladoiro. Con todo, se alguén detecta problemas co estado da auga pode chamar ao servizo de avarías de Espina&Delfin no 673 830 393.
O Goberno de Ames quéixase de que se tiveron que tomar decisións e actuar sen contar con información oficial.
Esta mesma mañá o alcalde de Ames envioulle unha carta á Consellaría de Sanidade, á de Medio Ambiente e a Augas de Galicia para trasladarlle o seu malestar por carecer de información algunha sobre o acontecido, e sobre as analíticas realizadas sobre a calidade da auga.
Dende o Goberno insisten en que pese a recuperar a normalidade a situación non está totalmente controlada.
A vertedura segue no fondo do río, polo que, os cambios meteorolóxicos poderían volver a afectar á captación da auga. A empresa encarga do servizo e o equipo do Goberno seguirá controlando, en todo momento, a potabilidade da auga.