Aldea Global | As dúas traballadoras municipais de Brión e Nigrán que ao longo deste mes achegaron a súa asistencia técnica en Cabo Verde culminan esta semana a súa experiencia no programa Especialistas en Cooperar, impulsado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade e financiado pola Agencia Española de Cooperación Internacional al Desarrollo. O presidente do Fondo Galego e alcalde de Nigrán, Juan González, atópase tamén no arquipélago africano para afianzar as relacións de colaboración cos municipios caboverdianos e coa propia AECID.
Nas últimas tres semanas, a axente de emprego e desenvolvemento local do Concello de Brión, Lola Landeira, e a xefa de brigada de incendios nigranesa, Carla Pérez, percorreron o Municipio do Tarrafal para identificar tanto as necesidades como as potencialidades que presenta. Neste senso, entrevistáronse con organizacións de mulleres, comunidades mariñeiras, asociacións agrícolas, veciñas emprendedoras, etc. a fin de elaborar unha diagnose inicial, que será o punto de partida dun programa a catro anos para promover o desenvolvemento económico local sustentable e participativo do concello.
“Foi unha experiencia moi positiva na que puidemos coñecer de primeira man a realidade do territorio”, comenta Lola Landeira, para quen “a grande dificultade é a escaseza de auga”. “Solventando este problema, Tarrafal ten moitas posibilidades no eido da agricultura, a pesca e o turismo”, precisa, e apunta que “coas mulleres se poden impulsar pequenos negocios e tamén outros máis grandes relacionados coa transformación do produto local”.
“O fundamental é proporcionarlles ferramentas ás persoas para que poidan emprender, mellorando a súa calidade de vida e favorecendo a actividade agropecuaria para fixar a poboación e que non teñan que emigrar”, en palabras de Carla Pérez, que tamén se amosou “moi satisfeita da experiencia, da aprendizaxe e de poder coñecer as dificultades da veciñanza, principalmente ligadas á falta de auga e formación”.
O presidente do Fondo Galego acompañou esta semana ás dúas técnicas na supervisión dos puntos máis estratéxicos para establecer futuros proxectos de cooperación internacional, logo de ser recibido na Câmara Municipal do Tarrafal, co presidente José dos Reis á fronte. Juan González visitou asemade o Municipio de São Miguel da man do seu rexedor e presidente da Asociación Nacional de Municipios de Cabo Verde. O alcalde de Nigrán reuniuse tamén esta mañá coa coordinadora da AECID no país lusófono, Patricia Ramos, que valorou positivamente os resultados do programa Especialistas en Cooperar, apoiado pola axencia a través da Confederación de Fondos de Cooperación y Solidaridad. Ademais de impulsar esta ferramenta de cooperación técnica, Ramos apostou por estreitar a coordinación co Fondo Galego en futuros proxectos sobre o terreo. Pola súa parte, González ratificou que tanto nesta como nas demais xuntanzas institucionais “quedou patente a disposición a seguir colaborando para promover o desenvolvemento dos concellos caboverdianos”.
Cooperación técnica
A cooperación técnica é unha das ferramentas máis potentes e distintivas da cooperación internacional ao desenvolvemento impulsada polos gobernos locais, pois supón aproveitar o know how dos municipios para reforzar as capacidades das administracións públicas e asociacións das sociedades máis desfavorecidas, facilitando respostas profesionais e formación adecuada ás súas necesidades. Ese é precisamente o principal obxectivo de Especialistas en Cooperar, que tamén favorece o intercambio de experiencias e un maior coñecemento da realidade dos países que o Fondo Galego está a apoiar.
A través de Especialistas en Cooperar e mais do anterior programa de voluntariado internacional para persoal municipal, Vacacións con Traballo, desde o ano 2005 un total de 53 empregadas e empregados da administración local teñen colaborado cos parceiros do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade en Nicaragua, Cuba, Perú, Mozambique e Cabo Verde, contribuíndo así á mellora da calidade de vida da poboación e xerando fluxos de coñecemento compartido.
A reconfiguración do programa, que se retomou en 2022 tras ficar suspendido por mor da Covid-19, busca potenciar a súa dimensión de cooperación técnica no marco da Axenda 2030 e dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible.