Tradición e actualidade conflúen na celebración do 25º aniversario de Xantar en Ourense

Día adicado a Turismo Porto e Norte, CIM Alto Tâmega, Barroso, Maia, Vila Real, Viveiro e Oleiros

Ourense | E aquí seguimos… 25 anos despois…” con esta frase iniciaba o director de Xantar, Rogelio Martínez, o acto inaugural da 25ª edición do Salón Internacional de Turismo Gastronómico, que abriu hoxe as súas portas en Expourense botando a vista atrás para ver o camiño percorrido pero marcando ao mesmo tempo un punto de inflexión cara a unha feira máis actual.

Un “novo Xantar” xa posicionado como punto de encontro profesional que busca agora tamén a implicación do público xeral con accións como a entrada gratuíta, os concertos, os restaurantes baseados en tapas e petiscos que contan co apoio dos hostaleiros de Ourense ou un deseño máis atractivo e moderno nas casetas.

Abríu o acto oficial o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración e presidente do Padroado da Fundación Expourense, José González Vázquez, quen declarou que “Xantar é un magnífico escaparate dos mellores produtos galegos que dinamizan a economía rural, contribúen á creación de emprego e riqueza e impulsan un modelo de desenvolvemento no que calidade e sustentabilidade son inseparables.

Unha cadea de valor, destacou, que inclúe a produtores locais, agricultores, agricultores, traballadores do mar, comerciantes, buscadores de pracer, cooperativas, cociñeiros, empresarios ou mesmo artesáns, e que, entre todos eles, fan posible que a gastronomía galega sexa unha das nosas industrias máis avanzadas e cunha enorme capacidade para establecer sinerxias con outros activos da Comunidade, como o turismo”.

Fieis expositores
Esta primeira xornada de Xantar foi tamén o día dedicado a destinos que son fieis expositores que levan anos apostando polo salón como plataforma de promoción dos seus recursos turísticos e enogastronómicos. Entre estes destinos destaca sobre todo o Norte de Portugal, que cada ano reforza a súa presenza e que este ano conta coa participación de máis de 15 cámaras municipais ademais das incluídas no caseta Entidade de Turismo Porto e Norte.

Porto e Norte compartiu o seu protagonismo hoxe coas cámaras municipais de Maia, na que se sitúa o aeroporto de Sa Carneiro. O seu Vereador de Turismo, Paulo Ramalho urxiu a necesidade da mellora na rede de trasnporte entre Galicia e o Norte de Portugal, reivindicacións ás que se foron sumando posteriormente outros intervenientes no acto.

Tamén foi o día dedicado a Vila Real , cidade hermanada coa de Ourense desde hai 41 anos e que participa ininterrompidamente desde a primeira edición de Xantar celebrada en 1999. Hoxe tamén foi o día dedicado á Comunidade Intermunicipal de Alto Tâmega e Barroso, unha entidade integrada por seis cámaras municipais do Norte de Portugal (Boticas, Chaves, Montalegre, Ribeira de Pena, Valpaços e Vila Pouca de Aguiar) que cooperan para promocionarse de forma conxunta como destino turístico e gastronómico.

Tamén foi o día dedicado ao Concello lucense de Viveiro que ofreceu ademais unha degustación da súa famosa pescada de Celeiro en empanada e da súa Pan dos Apóstolos, un doce tradicional que só pode gozarse en Semana Santa en Viveiro ou en Xantar.

Tras os discursos inaugurais, o actor ourensán Sergio Pazos, pronunciou un divertido pregón no que fixo un percorrido polos 25 anos de historia de Xantar lembrando cando o mesmo foi pregoeiro no ano 2006 e facendo pensar ao público desde que ano participan en Xantar xa que algúns dos presentes participan desde a primeira edición. Animou aos asistentes para cantar a ritmo de rap cun “Xantar mola mogollón, esta feira non ten parangón”.

Deputación e Inorde
O presidente da Deputación de Ourense, Luís Menor, recalcou que a colaboración que desde a Deputación lle presta a Xantar é firme e constante, recalcando que desde a institución provincial sempre se apostou decididamente por este evento, “pois durante 25 anos puxemos a disposición un dos seus buques insignia, o restaurante que xestionamos a través do Inorde”. E puxo en valor a versatilidade, o dinamismo e a iniciativa de Expourense “por poñer en valor moitas das potencialidades que temos nesta provincia”.
Menor lembrou tamén que os 25 anos de historia de Xantar coinciden cos 25 anos do Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico, “que ten sido o eixo vertebrador de todas esas políticas pensadas promocionar o noso territorio”.

Menor Pérez argumentou que se Ourense é berce de catro das cinco denominacións de orixe vitivinícolas de Galicia e é a provincia termal por excelencia, “tanta riqueza natural só podía ofrecer tesouros culinarios” como o Pan de Cea, os pementos de Arnoia e Oímbra, as patacas de Xinzo, o mel, o lacón, razas autóctonas como o cordeiro ou a carne de tenreira, ou os produtos con Indicación Xeográfica Protexida. “Manxares todos eles que maridan perfectamente con todo o que este territorio ofrece en forma de patrimonio, medio ambiente ou cultura”, concluiu.

“Xantar é un instrumento absolutamente imprescindible para a posta en valor de todos os tesouros que temos na provincia”, concluiu Menor dandolle tamén os parabéns a Expourense por estes 25 anos de éxitos culinarios con Xantar.