O Covelo | O concello de Covelo e a asociación Trans Miño veñen de asinar un convenio de colaboración para a orientación, asesoramento e fomento da coeducación no ámbito dos dereitos humanos, promoción da saúde sexual e prevención das enfermidades de transmisión sexual (ITS).
A sinatura deste convenio permitirá que a asociación Trans Miño empregue a sala multiúsos do edificio municipal donde se ubica a biblioteca pública e o auditorio municipal para atender ás persoas LGTBI.
O horario de atención ao público será os luns de 09:00 a 13:00 horas e os venres de 16:30 a 20:00 horas e dará servizo aos habitantes da comarca da Paradanta. A apertura deste novo punto de información súmase á de Ponteareas e a de A Guarda na que dan cobertura ás persoas do Condado e do Baixo Miño, respectivamente.
O presidente da asociación, Xermán Cordero, e o coordinador local Alejandro Outerelo explican que os principais obxectivos son a orientación e asesoramento ademais de ofrecer información das diversas campañas que se realizan dende o colectivo como o reparto de material preventivo ante o VIH.
Ademais, ofrecerán acompañamento ás persoas que teñan dúbidas sobre a súa orientación sexual, entre outras cuestións. “Un dos obxectivos cos que traballamos é ofrecer a realización de probas rápidas de detección de VIH e acompañar as vítimas de posible LGTBI fobia”.
Remata o prazo para a Escola de Verán
O concello de Covelo recórdalle ás familias que o vindeiro 27 de maio remata o prazo para solicitar praza na escola de verán. As familias interesadas deberán remitirse ao departamento dos servizos sociais do Concello a través do número de teléfono 986 65 0027 extensión 3 ou a través do correo electrónico servizossociais.covelo@fegamp.gal.
Poderán participar os nenos e nenas de 3 a 12 anos, preferentemente empadroados e empadroadas no concello de Covelo. A escola de verán realizarase en horario de 09.00 a 14.00 horas, de luns a venres, dende o día 1 ó 31 de xullo de 2022.
Para as persoas empadroadas no Concello de Covelo terá un custo de 20 € e para as non empadroadas 40 €. Realizaranse múltiples e variados obradoiros como xogos populares, danzas e bailes ou deportivas como ioga; artísticas como pintura ou debuxo; horticultura, rastrexos excursións. Os e as máis pequenas dos fogares de Covelo participarán en actividades que fomenten valores positivos e nas que aprendan a través do xogo.