Asistín ao concerto de presentación do novo disco do grupo “Treixadura” e saín reafirmado, unha vez máis, na miña convicción de que é a agrupación que mellor representa a nosa tradición musical. Non hai moito afirmaba nunha colaboración publicada aquí que o milagro de Treixadura é facer bailar e cantar a nenos e maiores, transmitíndolles a forza emotiva do noso cancioneiro popular. Tal cousa pasou no Teatro García Barbón en Vigo a pasada semana,cun aforo de 994 prazas repartidas entre un patio de butacas e tres anfiteatros. A forza telúrica que insuflaba o programa musical no público era de tal intensidade que, Martiño, un rapaciño de apenas nove meses aguantou todo o concerto, contorneándose e movendo os brazos coa emoción que lle producía a música que escoitaba; o mesmo facía, a señora Maruxa, que seica acababa de cumprir cen anos, que non eran estorbo para que bailase e cantase sen parar.Velaí a maxia da nosa música.
“Inda canto! “, que é o título do novo disco, recolle un repertorio variado no que inclùe foliadas, pasodobres, e muiñeiras. Unha delas da autoría de Xaquín Xesteira, ese músico de extraordinaria versatilidade, sobre un poema de Ramón Cabanillas, “Muiñeira da Revolta”. Este novo disco é unha contribución máis que arrequece o noso patrimonio musical en tempos nos que os ventos da globalización ameazan a nosa singularidade cultural.
O orfeón de Treixadura que leva a voz cantante, está formado por tres baixos (Ramón Martín, Gustavo Cuntín e Álvaro Lamas); catro barítonos (Quico Obelleiro, Paulo de Rei, Xurxo Raposo e Antón Cabaleiro), e tres teores (Antón Fontenla, Alberto Raposo e Anxo Xesteira), complementado cos instrumentistas Paulo Nogueira, Xaquín Xesteira, Toniño López, e a única muller, Magoia Bodega, que son quen de executaren coas gaitas, acordeón e percusión excelentemente o repertorio editado neste novo disco.
Polo que sabemos, de aquí a fin de ano, Treixadura xa ten contratados ao pé de trinta concertos, que non son poucos. Isto demostra que os seus concertos interesan porque concentran a milleiros de persoas, moitas delas procedentes de lugares distantes, que acuden engaiolados pola música deste grupo que hoxe en Galicia é o símbolo da pervivencia do noso acervo musical; son os herdeiros de coñecidas agrupacións corais, as máis delas fundadas polas activas Irmandades da Fala que souberon mirar na nosa música tradicional un medio para chegar á alma do pobo e avivala.
Os concellos galegos, que deberían programar as súas festas maiores contratando a Treixadura, pensando en daren exemplo ás comisións de festas parroquiais, as máis das veces sometidas á vulgaridade de actuacións musicais de pouco gusto e de considerable custo económico. É ben triste observar o comportamento da xente ante as actuacións desas coñecidas orquestras, incapaces de transmitir sentementos como o fai Treixadura, entusiasmando ao público.
As festas son espazos lúdicos que debemos aproveitar para elevarmos o nivel de conciencia galega nas nosas xentes e o orgullo polo propio. Velaí o gran labor que está a facer Treixadura en Galicia. Cada actuación súa é unha torrenteira de emocións e sentimentos que temos que agradecerlles. Os concellos e as comisións teñen a palabra. O público agradeceríallelo.
Con Treixadura é posible facer realidade o desexo de termos mil festas máis para a lingua galega.