A Guarda | O vindeiro venres día 14 de xuño arranca o Música nas Prazas 2019, cuarto ano desta actividade promovida dende a concellería de Cultura do Concello da Guarda e que este ano contará con 3 concertos nas Prazas de San Queitano, As de Copas e Os Seixiños.
Os encargados de abrir a programación de Música nas Prazas é o grupo de Rap guardés Caramelo Crew, un grupo formado por Hugx (Hugo Aldea) e Holden (Jose Mauri), que encherán de música a Praza de San Queitano dende as 22:00h do venres 14 de xuño.
A vindeira cita será o 16 de Agosto ás 22:00h na Praza do As de Copas coa actuación do grupo Blues do Pais e para rematar o 13 de setembro ás 22:00h na Praza dos Seixiños coa actuación de Helen & Shana.
A programación de Música nas Prazas acadou na súa edición 2018 un notable éxito de afluencia de público, fomentando a música en diferentes espazos públicos do municipio, tentando dar visibilidade e dinamismo a todos eles por igual, levando a cultura musical a todas as parroquias da vila.
Ao longo dos tres anos de Música nas Prazas foron moitas as formacións musicais do panorama local e galego que teñen pasado polas prazas da vila guardesa, entre elas, De Vacas, Sonus de Gaya, Indomables, Argonat Band, Mbolo Mooye Doolé, Carmen Johns, entre outros.
O Música nas Prazas 2019 conta co apoio de Pontegal da Deputación de Pontevedra.