O Covelo | Vintenove anos dedicados a difundir a importancia dos fungos e o seu coñecemento teórico e práctico non é algo que poidan dicir moitas asociacións, así o apunta o biólogo Hugo Fernández Ricón, de MycoGalicia Plantae, ao falar da Asociación para o Desenvolvemento do Alto Tea, Covelonatural.
“Covelo é unha zona espectacular, con bosques mixtos de coníferas e planifolias, o que propicia que se poidan atopar cogomelos de múltiples especies. Cada ano, a asociación Covelonatural retoma a súa xa tradicional celebración das Xornadas Micolóxicas, facilitándolle ao público interesado coñecementos teóricos e prácticos, da man de diversos expertos, algo que poucas organizacións poden contar. Con case trinta anos de oferta fai que o Concello se convirta nun referente”.
O vindeiro sábado día 25, as persoas afeccionadas ao mundo da micoloxía ou que queiran comezar a descubrir este intenso mundo teñen unha cita no Concello: pola mañá, as 10:30 horas, haberá unha saída guiada ao monte, e logo, pola tarde, no auditorio municipal de Covelo, impartirase a charla “A rede da vida: a simbiose animais-fungos” ás 18 horas, seguida da proxección de cine documental.
“Na charla do día 25 toca falar das diferentes simbioses que establecen os fungos. Estas unións son beneficiosas tanto para eles como para os seres vivos cos que se asocian, as veces dun xeito indivisible, pois todos os involucrados poderían chegar a morrer se non colaboraran entre si. Os fungos conviven con nós de moitos xeitos que non imaxinamos e que pasan desapercibidos. Por exemplo, hoxe en día considérase que todas as plantas terrestres posúen algún fungo micorrícico asociado as súas raíces, o que fai que ámbolos dous organismos (a planta e o fungo), podan desenvolverse moito mellor gracias a axuda que se prestan mutuamente, a simbiose”.
A spin off da Universidade de Vigo, MycoGalicia Plantae S.L, leva dende o ano 2017 ofrecendo asesoría forestal centrada no recurso micolóxico dos montes, na divulgación e na formación en micoloxía e botánica para o público en xeral.
Estamos en plena efervescencia de cogomelos e cada vez son máis as persoas que saen ao monte na súa procura, pero non deberíamos botar nada na cesta sen antes formarnos. “As primeiras saídas deberían ser sempre acompañadas dun experto ou dun bo libro e sen cesta, só coa intención de explorar, de identificar e de clasificar gozando do espectáculo natural. A norma fundamental é o sentido común, non debemos consumir algo que non saibamos o que é ao cen por cen e para iso hai que ter coñecementos. Debemos atender a fontes de información fidedignas, coma xornadas guiadas por expertos, bos libros ou outros recursos de confianza, non chega con atender ao primeiro dato que escoitemos, pois estamos a falar de saúde. Ademais, se queremos comezar sobre terreo máis seguro, podemos atender á tradición, aprendendo a identificar as especies que a maioría da xente coñece: boletos (Boletus edulis), cantarelas (Cantharellus cibarius), níscaros (Lactarius deliciosus) ou zarrotas (Macrolepiota procera), por exemplo. Son especies que moitos iniciados coñecen por ser doadas de identificar, tendo características que as fan únicas fronte a outras especies máis complexas“.
A micoloxía é unha carreira de fondo, na que debemos ir adestrándonos ao longo dos anos con experiencias e acompañados de expertos. Aínda que en outono saen con máis profusión, podemos observar cogomelos ao longo de todo o ano, sempre e cando a climatoloxía acompañe. “Tódalas especies se poden tocar e cheirar, sempre coa precaución de lavar axeitadamente ás mans ao rematar. Polo simple contacto ca nosa pel, non nos imos a intoxicar. Obviamente, non todos os cogomelos se poden consumir, e hai que ser conscientes de que as especies tóxicas poden estar presentes en calquera lugar, aínda que no mesmo medren outras comestibles”.
Non deixar a nosa pegada é imprescindible e así o recolle o decreto galego 73/2020 do 24 de abril, referente aos diferentes aproveitamentos forestais, entre os que está o micolóxico. “Debemos deixar todo como estaba antes da nosa chegada, tanto en cuestións de limpeza, coma de alteracións do solo. Non debemos remexer o solo na procura de cogomelos, alterando as súas capas naturais, pois é algo que prexudicaría aos propios fungos e a outros seres vivos que habitan o chan dos nosos montes. Do mesmo xeito, neste decreto, recóllese que todos os cogomelos deben recollerse enteiros, non cortándoos pola base do pé como se ven facendo tradicionalmente. O primeiro motivo para isto é a nosa propia seguridade, pois se os cortamos, deixaremos características que nos axudan a identificalos no chan, e poderíamos caer en erros máis doadamente. Se ao coller un cogomelo deixamos un pequeno oco no solo onde estaba, o volveremos a cubrir coa terra desprazada”.
Os cogomelos son unha riqueza e por iso cada vez máis as comunidades de montes veciñais en man común os aproveitan en base a creación de coutos micolóxicos, aos que só se pode acceder con autorización. “Hoxe en día, non é que se poida sementar o monte dun xeito totalmente probado para garantir a frutificación de cogomelos, pero se pode favorecer unha ordenación forestal que facilite a súa obtención, deseñando as plantacións de árbores para que os fungos tamén podan medrar acorde a elas”.
Roteiro dos Carranos
Totalmente de balde e doada, así é a ruta de sendeirismo que o Concello de Covelo propón para este domingo día 26. Oito quilómetros ao longo dun trazado circular con tramos lineais que nos permitirán descubrir a beleza do Roteiro dos Carranos PRG-g 95.
As inscricións poderán realizarse a través do número de teléfono que xestiona o guía de montaña e biólogo, Julio Eiroa, 654 500 652, persoa que acompañará ao grupo ofrecendo información útil que nos axudará a entender a riqueza medioambiental e histórica que agocha este roteiro. O punto e hora de encontro para a saída será o Serradoiro dos Carranos ás 09:00 horas.
“Xornadas de portas abertas do Serradoiro dos Carranos e da súa aula de natureza, observación das estrelas da man da Asociación Galega de Astronomía, roteiros guiados de distintas dificultades programados para cada mes e outras moitas máis actividades que organiza o Concello para promover hábitos de vida saudable e pór en valor o patrimonio medio ambiental, etnográfico e histórica destas terras”, explica a Concelleira de Cultura, Lourdes Enes.
Ademais o Concello colabora e da apoio a iniciativas de colectivos que promoven a sensibilización, difusión e promoción da arte e da natureza como as xornadas micolóxicas deste sábado día 25 que organiza Covelonatural e que inclúen un amplo programa con saída guiada ao campo, cociña, charla e proxección documental. A programación anual do Concello de Covelo permite á cidadanía gozar dunha oferta de lecer estable e organizada que pon en valor o patrimonio cultural e natural.
O roteiro dos Carranos (PR-G 95) recibe o seu nome do serradorio e percorre o territorio entre as parroquias de Fofe e Maceira. Dende Fofe de Arriba comeza un descenso por antigas corredoiras ata a ponte medieval. Logo de camiñar á beira do río Tea, a senda ascende ata a o Serradoiro dos Carranos, en Maceira.
Existe a posibilidade de desviarse do roteiro na derivación que remata na praia fluvial de Maceira. Ó retornar comeza o camiño de volta a Fofe. Primeiramente os pasos de Ponteliñares e máis tarde volver ao roteiro ata a ponte medieval. Alí, podemos visitar o muíño de Ganza e voltar ata Fofe de Abaixo pechando o percorrido visitato a igrexa de San Miguel.
O Serradoiro dos Carranos é unha obra mestra da arquitectura e enxeñería. Este serradoiro, construído pola familia Vales no 1922, utiliza a forza motriz da auga para mover unha serra de cinta e outras maquinarias. Neste momento está rehabilitado para a visita con material didáctico repartido entre as diferentes estancias do conxunto. As visitas deben ser concertadas no Concello de Covelo ou nos teléfonos do cartel da entrada.