Ourense | Coñecida unha nova sentenza por acoso en contra do Concello de Ourense e máis concretamente do alcalde Gonzalo Pérez Jácome, desta volta por acosar á quen ostentaba as competencia da xefatura do negociado de Comercio, desde o Grupo municipal do BNG sinalan que “estamos diante dunha sentenza contundente e que revela, ao igual que fixeron as anteriores, cal é o proceder e o comportamento de quen exerce a máxima autoridade do Concello”.
Para o portavoz dos nacionalista Luís Seara “Jácome aproveitase da súa posición de poder á fronte do Concello para, cual abusón de patio de colexio, menoscabar, insultar e acosar ás e os traballadores municipais que non son funcionais aos seus intereses”.
No BNG lembran que esta non é a primeira sentenza por acoso á que ten que facer fronte o Concello de Ourense pois “xa temos enriba da mesa ás sentenzas á Intendente-xefa da Policía Local e a do Interventor municipal, sentenzas que ao igual que esta, levan aparelladas cuantiosas cantidades económicas en concepto de indemnización e que ímos que ter que pagar entre todas e todos”.
Luís Seara mira de esguello ao PP para lembrarlle que “foron eles os que auparon a Jácome á alcaldía en 2019 e en 2023. son eles os que continuamente lle dan osíxeno para que poida seguir gobernando e son eles os que pola mañá maniféstanse ao carón das e dos traballadores dándolles ánimos e palmadiñas nas costas e polas tardes negocian o xeito de voltar a entrar no Goberno LocalOurense.
O PSdeG rexeita
“En ningunha cidade do noso país se permitiría seguir nin un minuto máis á fronte da Alcaldía a Jácome. Estamos ante uns feitos gravísimos que non son novos porque veñen acontecendo nos últimos case seis anos”, lembra a voceira do PSdeG, Natalia González. “Todo o mundo debe saber que non só afecta á imaxe institucional, senón que ten repercusións económicas que asumimos todos e todas as veciñas”, engade.
Para as e os socialistas o único responsable da situación actual é o PP por colocar e continuar mantendo ao rexedor na súa cadeira e co bastón de mando, perpetuando que nada mude. “Dende o noso partido non podemos máis que trasladar o noso apoio a todas esas persoas, empregados e empregadas públicas, e dos que sempre estivemos ao seu carón e felicitar, neste caso, a Stella González pola súa valentía e inistencia por que se faga xustiza, así como defender os dereitos da cidadanía ante calquera tipo de ditadura”, remata contundente.
Recurso do Concello
O Concello de Ourense anuncia que presentará un recurso de suplicación perante o TSXG contra a sentenza ditada polo Xulgado do Social número 2 de Ourense. Esta decisión, que estima parcialmente a demanda dunha traballadora, considera que o Concello e o alcalde, Gonzalo P. Jácome, infrinxiron a normativa en materia de prevención de riscos laborais.
No entanto, o Concello non comparte esta resolución e, en consecuencia, decide interpor un recurso nos vindeiros días.
O goberno municipal reitera o seu compromiso coa normativa vixente e a seguridade laboral e confía en que o TSXG valore os argumentos expostos no recurso.