Puigdemont foi elixido deputado o 21-D e, xa que logo, pode legalmente ser candidato a presidir a Generalitat. O presidente do Parlament nomeouno atendendo a que os tres grupos soberanistas xuntan a maioría absoluta ( 70 sobre 135 deputados) e manifestaron a súa disposición para elixilo.
Os partidos unionistas non asumiron o resultado electoral e apoian ao Goberno Rajoy na súa obsesión por evitar a investidura de Puigdemont. E velaí o despropósito de presentar un recurso de inconstitucionalidade contra os actos da Presidencia do Parlament nomeándoo candidato e convocando para o martes 30 o pleno para o debate de investidura. Buscábase, a medio dunha fraude de lei, o efecto suspensivo que teñen todos os recursos do Goberno do Estado contra leis e disposicións autonómicas. Mais o Consello de Estado, máximo órgano xurídico-consultivo do Goberno central, ditaminou por unanimidade a improcedencia legal deste recurso. A tese central deste ditame é que non se pode recorrer o que aínda non sucedeu, doutrina establecida polo propio Tribunal Constitucional (TC) cando rexeitou o recurso do Goberno Aznar contra a aprobación polo Parlamento vasco da reforma do Estatuto coñecida como “Plan Ibarretxe”.
Os letrados do TC e o maxistrado relator concordaron co Consello de Estado na inadmisibilidade do recurso. Mais razóns políticas e non xurídicas levaron ao Pleno do TC a descoñecer a súa propia doutrina, adiar a decisión sobre a admisión a trámite e adoptar sen escoitar ao Parlament medidas cautelarísimas que ninguen pediu polas que se prohibe o voto delegado dos deputados exiliados e o debate en ausencia física de Puigdemont que poderá comparecer só se lle autoriza para o efecto polo maxistrado instrutor do Tribunal Supremo.
O TC adoptou unha decisión parcial e política, no canto de xurídica. A prestixiosa axencia Eurointelligence nos fala do paradoxo de destruir a Constitución para salvala. O profesor Carlos Amoedo (UDC) fala de “decisionismo schmittiano” pondo o foco na aprobación polo TC de medidas propias dun estado de excepción non declarado. E o avogado catalán Andreu Van der Eyden propón con evidente retranca que “quiten xa o Dereito Constitucional dos plans de estudo e así imos todos ao bar”.
Concordo co profesor Amoedo. Veñen malos tempos para o Estado de Dereito.