Tribunal Supremo inadmite recurso contra a Cidade Deportiva do Celta

Presentado pola Comunidade de Montes de Tameiga

Mos | O Tribunal Supremo vén de inadmitir a trámite o recurso presentado pola Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Tameiga contra contra a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) do 20 de maio de 2024, que xa desestimara o recurso contra o Plan Especial de Infraestruturas e Dotacións (PEID) para a Cidade Deportiva do R.C. Celta en Mos e que xa dera a razón ao Concello.

A inadmisión do Supremo baséase na falta de fundamentación suficiente por parte da recorrente, o que evidencia que non existía interese casacional nin infracción xurídica relevante. A Sala do Contencioso-Administrativo do alto tribunal confirma así que os argumentos da Comunidade de Montes carecían de base, centrados en cuestións de feito xa resoltas pola xustiza galega.

A inadmisión do recurso supón un aval definitivo dos tribunais ao proxecto e confirma que non queda ningún camiño legal aberto para impugnalo, polo que o Plan Especial queda plenamente respaldado pola xustiza.

O Tribunal Supremo sinala que o recurso:

• Incumpría as esixencias legais do artigo 89.2 da Lei da Xurisdición Contencioso-Administrativa, ao non fundamentar suficientemente a súa presentación.

• Non xustificaba que existise un erro ou apartamento deliberado da xurisprudencia por parte da sentenza recorrida.

• As afirmacións feitas sobre supostas afeccións ás infraestruturas non eran máis ca suposicións sen base nin demostración concreta.

• En definitiva, non existía interese casacional obxectivo que xustificase a revisión do caso polo Supremo.
A Comunidade de Montes alegaba un incumprimento da normativa autonómica, ante que co pronunciamento da xustiza queda claro o seguinte:

• Non existía ningunha afección ás estradas provinciais, polo que non era necesario informe da Deputación de Pontevedra.

• Os accesos ás instalacións deportivas non se fan por estradas provinciais, senón polo camiño municipal do Monte do Couto, polo que non se afecta a infraestrutura provincial.

• En relación coa auga, saneamento e informes ambientais, determinouse que non era preciso solicitar novos informes a Augas de Galicia nin ao Consorcio do Louro.

• Non houbo modificación substancial do proxecto que obrigase a reiniciar o proceso ou facer nova exposición pública.

• Non se produce afección ningunha ás captacións de auga nin risco de falta de abastecemento ou problemas de saneamento.

• Non existiu desviación de poder, como pretendían facer crer os recorrentes.

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, subliñou que “esta resolución do Supremo é un novo aval xudicial que demostra que todo se fixo conforme á lei desde o primeiro momento. Todas as acusacións de ilegalidade, desviación de poder ou prexuízos ambientais ou urbanísticos quedan definitivamente rexeitadas”, “Os partidos da oposición en Mos, BNG e PSOE, deben dar explicacións inmediatas da súa intencionada mentira á cidadanía”.

A rexedora insistiu tamén en que “a Comunidade de Montes de Tameiga, cos seus recursos e mentiras, pretendía frear o avance de Mos e do seu tecido deportivo e social. Pero agora a xustiza desmonta as súas falsedades e demostra que só buscaban confrontación política”.

Arévalo engadiu que “a xustiza continúa poñendo a cada quen no seu sitio. Esta inadmisión confirma que a estratexia de confrontación constante por parte da Comunidade de Montes, baseada en mentiras e intereses políticos, non ten percorrido legal nin social. O tempo está a desmontar as falsidades e a xustiza está a falar claro.”

O Concello de Mos reitera o seu compromiso co desenvolvemento ordenado, sustentable e legal do municipio, coa posta en marcha dun proxecto que supón un impulso ao deporte, ao emprego e ao futuro da veciñanza de Mos.
“A nosa prioridade é e seguirá sendo a defensa do interese xeral, do progreso e da calidade de vida da cidadanía”, concluíu a rexedora.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.