Trump en dous tempos.

Cando Donald Trump gañou as eleccións presidenciais en 2016 non había guerra en Ucraína, aínda que si un conflito latente no Donbás que anunciaba o que finalmente ocorrería. Israel non estaba sumida en dúas guerras paralelas (Gaza e Líbano) nin de confrontación directa, xa non tan híbrida, contra Irán. Corea do Norte seguía illada ata que o propio Trump rompeu a baralla cunha visita histórica a Kim Jong-un na fronteira do paralelo 38.

China era claramente o principal desafío estratéxico para Washington. A OTAN estaba en estado de “morte cerebral” (Macron dixit) Con tímidos avances, a ultradereita estaba collendo impulso en Europa e América Latina, aínda que “amigos” de Trump como o presidente ruso Vladimir Putin e o húngaro Viktor Orbán xa estaban no poder. A palabra “pandemia” apenas se coñecía e a COVID parecía algo propio dun algoritmo. A Intelixencia Artificial (IA) asomaba a súa faciana.

Oito anos despois, os EEUU e o mundo de 2024 son bastante distintos para un “Trump II” que non ten cambiado un ápice o seu programa e ideoloxía. Ucraína, Gaza e Líbano son guerras con drama humanitario que cobran o seu peso na seguridade global. O mundo asiste ao retorno do militarismo e do poder dos “falcóns” e da “liña dura”. A xeopolítica volve con forza a ocupar un espazo preponderante. Corea do Norte incluso ata envía tropas ao estranxeiro para axudar ao seu aliado ruso na fronte ucraína. Os BRICS, que semellaban sepultados, rexurden con forza ampliándose da man de China e Rusia. Nun mundo cada vez máis dixital, a IA domina comeza a dominar o mundo laboral e progresivamente as nosas vidas. A pandemia da COVID implicou serios desafíos en materia sanitaria e de seguridade.

“Oito anos despois, os EEUU e o mundo de 2024 son bastante distintos para un ‘Trump II’ que non ten cambiado un ápice o seu programa e ideoloxía (…) Pero hai unha realidade diferente entre 2016 e 2024: o trumpismo vese agora máis consolidado”

Pero hai unha realidade diferente entre 2016 e 2024: o trumpismo vese agora máis consolidado. E non falamos dun determinado espectro social ou racial. Non son únicamente homes brancos do rural ou da clase obreira baixa. Afrodescendentes e hispanos votan piden paso votando a Trump.

Con 277 votos electorais alcanzados (que poden aumentar), a maioría aplastante do voto popular con máis de 71 millóns de sufraxios (algo que non lograba o Partido Republicano desde 2004) e maiorías no Congreso e no Senado, Trump (que non oculta o seu desprezo polos equilibrios institucionais e os contrapesos de poder e fantasea con ser un “ditador”) ten nas súas mans un poder prácticamente absoluto.

Isto anuncia unha nova era na Casa Branca para o que o historiador Arthur M. Schlesinger chegou a denominar en 1973 como “a presidencial imperial”. Non sabemos se esa era será precisamente “dourada” tal e como chegou a afirmar o propio Trump tras cantar vitoria na madrugada deste 6 de novembro. Meses atrás, Putin chegou a declarar que Trump era “impredicible”, pero as sinais de identidade do hoxe de novo presidente estadounidenses dan a entender máis ben o contrario. Nestes dous tempos políticos entre a súa primeira presidencia e o seu regreso á Casa Branca, Trump mantén intacto o seu ideario: mantén o seu mantra de “Make America Great Again” pero aderezado cunha mensaxe electoral máis directa e simple: “Trump Will Fix It” (“Trump o arranxará”). Quere un EEUU forte, proteccionista e distanciado dos seus compromisos internacionais. Esta austeridade no papel de “policía mundial” interpreta que Trump escasamente se implicará nos grandes conflitos globais salvo na necesidade de conter a China.

Con declaracións racistas e xenófobas, Trump acelera unha punitiva política antiinmigración. Mantén o seu discurso reaccionario e radical contra calquera expresión de esquerdas e das consideradas progresistas así como contra as elites do establishment político-económico. Pero isto non é excusa para recibir o apoio de gurús como Elon Musk ou Jeff Bezos.

A perpetuación deste ideario foi patente durante a súa campaña electoral, sexa montado nun bus de recollida de lixo e atendendo nun “fast food” mentres falaba da “maior deportación da historia” de inmigrantes en EEUU. Nun mitin en Pensilvania, un comediante influencer trumpista cualificou a Porto Rico de “illa flotante de lixo”. Instou aos seus militantes á sedición en caso de non gañar anunciando un presunto fraude electoral, un revival do asalto ao Capitolio en xaneiro de 2021 por parte de masas trumpistas convencidas da veracidade da mensaxe do seu líder vía Twitter, hoxe transfigurada na rede X, unha expresión de porqué as redes sociais e a dixitalización do noso mundo son unha realidade de enorme poder na política.

Se ben o arrase electoral de Trump non deixa lugar a dúbidas sobre o seu triunfo tanto no colexio electoral como no voto popular, o trasfondo indica que EEUU é unha sociedade polarizada pero igualmente frustrada pola oferta de representación política. Esta de 2024 foi unha elección accidentada. O regreso de Trump removeu o revanchismo; a candidatura de Kamala Harris foi tan apurada como a decisión do actual presidente Joseph Biden de non presentarse á reelección ante as presións do seu entorno polo seu estado de saúde. Electoralmente humillado por Trump, o Partido Demócrata, onde volve a asomarse a influencia do “clan Obama”, apréstase agora a entrar nunha travesía no deserto.

“Esta de 2024 foi unha elección accidentada”

Ninguén dubida que os EEUU de hoxe son unha sociedade moito máis complexa; non obstante, os resultados electorais amosan unha contundente viraxe cara un trumpismo que veu para representar un electorado ata agora cautivo e sen liderados definidos. Paralelamente, Trump avanza na sucesión trumpista probablemente enfocado no seu compañeiro de fórmula electoral, J.D.Vance (39 anos), candidato a vicepresidente. Trump confirma a consolidación dun movemento populista que busca remover os cimentos da estrutura política estadounidense.

A diferenza do observado nas derradeiras dúas décadas, o debate sobre a reforma electoral e as alternativas ao bipartidismo entre republicanos e demócratas estivo prácticamente ausente nestas eleccións 2024. Cunha abraiante maioría, Trump parece igualmente neutralizar este debate. Está por ver se a súa “presidencia imperial” implique un retroceso evidente da calidade democrática que acentúe unha polarización que ameaza con radicalizar o escenario político estadounidense e mundial.

Analista de xeopolítica e relacións internacionais. Licenciado en Estudos Internacionais (Universidade Central de Venezuela, UCV), magister en Ciencia Política (Universidade Simón Bolívar, USB) e colaborador en think tanks e medios dixitais en España, EE UU e América Latina.