Hai un pantasma que percorre o mundo. E non é precisamente o do comunismo, como vaticinaran Marx e Engels alá por 1848. É un espectro máis visible pero de consecuencias impredicibles, ou quizáis non tanto. É o pantasma do tándem Trump-Musk que está por chegar á Casa Branca, que polo seu cor non sabemos se será precisamente (ou ironicamente) pantasmal. É un pantasma que pon a correr a todo o mundo incluso antes de aparecer, se por aparecer entendemos chegar á presidencia, que será o vindeiro 20 de xaneiro.
Algo ten de tenebroso ese pantasma que xa provoca caídas políticas antes de tomar o poder. Quen diría que o primeiro ministro canadense Justin Trudeau deberá renunciar tras unha década no poder polas advertencias de Trump de “mandar ao exército a anexionarse Canadá” así como a Canle de Panamá. Pouco antes de Trudeau foi o seu homólogo austriaco Karl Nehammer quen renunciou para poñer o país centroeuropeo en mans da ultradereita para formar novo goberno. Como pode suceder o vindeiro 23 de febrero en Alemaña se o extremista antiinmigración AfD logra gañar ás eleccións e ser o centro de poder en Berlín. O propio Musk xa pediu o voto para este partido considerado prorruso provocando un aluvión de críticas e reaccións en Europa ante esta inherencia que, por certo, non é rusa.
Tan poderoso debe ser ese pantasma que colateralmente provocou a caída dunha ditadura de cinco décadas no poder, a do clan al Asad en Siria, un conflito cuxa crise de refuxiados cara Europa en 2015 alentou o impulso electoral de AfD e doutras formacións de ultradereita en Europa. A cousa vai tomando forma: Giorgia Meloni, a xefa de goberno italiana célebre polas súas medidas antinmigración ilegal, xa viaxou a Mar-e-Lago, residencia de Trump en Florida, sorte de Casa Branca na sombra, para posicionarse como a peza “trumpista” na “nova Europa” que comeza a deseñarse a nivel transatlántico con Trump na presidencia e a ultradereita e os populismos extremistas cabalgando electoralmente en Europa. Trump e Meloni negocian un sistema de ciberseguridade para Europa que demostra ás claras por onde van os tiros.
Pero Trump non está só no denominado “Vello Continente”. E Musk tampouco. Amigos ten tamén no presidente húngaro Viktor Orbán, en VOX, na ultradereita polaca, no turco Erdogan (o “sultán” que ansía converter a Siria nunha especie de neo-provincia otomán) e tamén en Marine Le Pen, quen precisamente ven de perder ao seu pai, o “patriarca” desa ultradereita europea, Jean-Marie Le Pen, recén falecido aos seus 92 anos e quen pouco lle faltou para chegar ao poder nas eleccións de 2002.
Algo ten ese terremoto pantasmal Trump-Musk que tamén lle pón o ollo a Groenlandia, un espazo glacial ata agora prácticamente inadvertido. O Trump Airlines, o avión persoal do vindeiro presidente estadounidense, xa aterrou nesa illa perto do Ártico (novo territorio de intereses xeopolíticos en disputa para EEUU, Rusia e China) que ata 1980 foi departamento danés e que goza dende entón dunha independencia de facto. Dinamarca, como Panamá no seu momento polas “ameazas” de Trump de retomar o control da Canle, xa saíron ao paso das pretensións “soberanistas” de Trump en Groenlandia.
“Se Trump é o presidente, Musk personifica o poder do gurú sen atrancos que chega ao centro do poder mundial, Washington”
Se Trump é o presidente, Musk personifica o poder do gurú sen atrancos que chega ao centro do poder mundial, Washington, para “guiar á humanidade” cara outros derroteiros onde as súas empresas (Tesla, Space X e o ex Twitter, agora X) sairán gañando para satisfacer as súas ambicións “civilizatorias” vía IA e robótica. Advirte á humanidade dos perigos que están por vir (sequía eléctrica) en clara declaración de intencións sobre onde van os seus negocios. Fai incluso súa unha bandeira da esquerda, o “Ingreso Mínimo Universal” como unha necesidade para paliar as dificultades económicas dos seres humanos cando a IA e a robótica dominen o mercado laboral. Un ingreso, enténdase, para seguir propiciando o consumos dos novos insumos que o gurú ten en mente. Musk ten amigos próximos na Arxentina de Milei, outro admirador de Trump. E outros que seguro virán ou “aparecerán” dende Bos Aires ata Seúl. A Internacional “trumpista” da neo-ultradereita vai cobrando forma, con matices, con contradicións e incluso con rivalidades internas. Pero vai aparecendo.
Este espectro sairá á luz o vindeiro 20 de xaneiro fronte ao río Potomac en Washington. E xa non será un conto de terror senón unha realidade. O dúo Trump-Musk amosará de que calibre está feito. Revolucionará unha política mundial patas arriba por guerras en directo e outras que poden terminar (Ucraína) No Kremlin non cren en bruxas pero si parecen encomendarse a este pantasma do que tamén poden sacar proveito. En Beijing, polo contrario, xa o coñecen e saben que van a por eles. Porque o inimigo de Trump é China. Non estamos moi seguros se para Musk é igual, pero Trump xa o ten advertido durante a súa anterior presidencia entre 2017 e 2021: a China nin auga. E agora, cun poder mais reforzado, irá a por todas.
Ese pantasma cabalga, cal Xinete da Apocalipse, sen observar exorcismo algún que o remedie. Pero é tamén lícito preguntarse: ante tantos personalismos e egos na nova Casa Branca, ese tándem Trump-Musk está tan consolidado? Durará moito tempo? Está a proba de rupturas? Ou polo contrario Musk, co seu enigmático ministerio da Eficiencia de Goberno, está adquirindo tanto poder que pode terminar converténdose nun incómodo rival para Trump e o trumpismo?