Tui | O Concello de Tui está a elaborar un Plan de Xestión para o Centro Comercial Aberto do municipio. O estudo está a ser realizado por unha consultora especializada contratada para a realización desta actuación que forma parte do proxecto de “Reforma e modernización do Mercado Municipal e Dixitalización e Revitalización do Comercio Local de Tui” financiado polo Ministerio de Industria, Comercio y Turismo dentro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, con fondos NextGeneration EU.
O obxectivo deste Plan de Xestión é apoiar á Asociación de Comerciantes e Industriais de Tui, ACITUI, na xestión e posta en marcha dun Plan de Actuación para os próximos anos. É por iso que o traballo se está a realizar en colaboración coa xunta directiva de ACITUI. Nas reunións celebradas abordaron xa a xestión profesional da organización, o deseño de estratexias para a mellora e promoción do sector comercial, o financiamento da asociación e a colaboración institucional.
Este documento incluirá os aspectos que inciden na xestión do Centro Comercial Aberto de Tui a través do que se promove o comercio de proximidade coa colaboración público-privada que garanta os recursos, o seguimento e gobernanza do Plan. Así o Plan recollerá o marco de actuación e normativo dos Centros Comerciais Abertos, os antecedentes, situación actual, diagnose e recomendacións de actuacións no caso de Tui.
Outros aspectos que contemplará será unha proposta de actuación para a consecución dos obxectivos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia e os ODS. Por último plantexará un sistema de xestión do Plan e un sistema de gobernanza para o Centro Comercial Aberto de Tui. Unha vez completada a redacción deste Plan en 2024 iniciarase unha segunda liña que terá por obxectivo dar asistencia técnica ao Centro Comercial Aberto e que se traducirá en levar á práctica o contido deste documento apoiando ao comercio da cidade para impulsar a súa actividade comercial.