Tui | Sahla Abba-Lehbib Bahía e Yusef Abderrahman Sluj son a nena e o neno sasharauí que pasarán o verán en Tui, no seo de dúas familias acolledoras, dentro do programa Vacacións en Paz que promove Solidariedade Galega co Pobo Saharauí.
Tras chegar o pasado día 17 a Galicia hoxe foron recibidos na casa do concello de Tui polo alcalde, Enrique Cabaleiro, e membros do equipo de goberno, que os agasallaron con distintos xogos.
Yusef é o segundo ano que vai compartir estes meses de verán cunha familia tudense, mentres que Sahla é a primeira vez que participa nesta programa, no que unha irmá súa estivo tamén con anterioridade en Tui.
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, deulles á benvida á cidade desexándolles que pasen un bo verán disfrutando de actividades propias desta época coma a praia e a piscina. Amosou amais o rexedor o seu agradecemento ás dúas familias acolledoras por sumarse a este programa permitindo que estes cativos poidan pasar os meses de xullo e agosto lonxe das extremas temperaturas que no verán hai nos Campamentos de Refuxiados.
Durante a súa estadía, até o 2 de setembro, Shala e Yusef, aproveitarán tamén para mellorar o seu castelán, pasar revisións médicas e sobre todos disfrutar do tempo de convivencia e lecer coas súas familias.
1.200 mozos e mozas de Xetafe preparan en Tui a Xornada Mundial da Xuventude
Un total de 1.200 mozos e mozas da diocese de Xetafe están até o próximo luns en Tui preparando a súa participación na Xornada Mundial da Xuventude a próxima semana en Lisboa. Os dous pavillóns municipais, xunto ao pavillón do CEIP nº2 e do IES San Paio e as instalacións do Colexio Maristas Santa María serven de aloxamento e centros de actividades.
Onte á tarde a tenente alcalde, Ana Núñez, e o concelleiro de Deportes, Rafael Estévez, achegáronse ás instalacións do Colexio Marista Santa María para darlle a benvida a estes 1.200 mozos e mozas que están en Tui acompañados polo bispo da diocese de Xetafe.
Os representantes municipais desexáronlles boa estadía en Tui. A súa ledicia deixase contaxiar nas rúas de Tui por onde transitan os distintos grupos coñecendo a cidade, os seus valores artísticos, patrimoniais, históricos e naturais. O próximo luns a primeira hora máis de 15 autobuses sairán dende Tui con destino a Lisboa.