Tui acolle xornada de presentación do programa SICTED sobre Calidade Turística en Destinos

O 22 de febreiro na Casa do Concello

Tui | O Concello de Tui acollerá a próxima semana unha xornada de presentación do programa SICTED, Sistema Integral de Calidade Turística Española en Destinos. Esta xornada está organizada pola Deputación de Pontevedra e Turismo “Rias Baixas”. Celebrarase o próximo martes, 22 de febreiro, ás 17.30 horas no Salón de Plenos da Casa do Concello de Tui.

As persoas interesadas en participar nesta xornada poden inscribirse até este domingo, 20 de febreiro, presencialmente na Oficina de Turismo de Tui no Paseo da Corredoira, 16, ou a través do correo electrónico: turismo@tui.gal.

O SICTED é un programa desenvolvido pola Secretaría de Estado de Turismo, que ten como finalidade a xestión integral e permanente da calidade nun destino turístico. Xorde da necesidade de dar unha solución capaz de xestionar integramente a calidade nun destino turístico.

O obxectivo principal do proxecto é dinamizar, promover e apoiar a implantación dunha serie de prácticas empresariais en todas as empresas para lograr un nivel de calidade homoxéneo nos servizos ofrecidos ao turista dentro do destino, englobando tanto os servizos ofrecidos polos compoñentes da oferta turística tradicionais como son por exemplo, os hoteis, restaurantes ou axencias de viaxes, como aqueles que sen selo estritamente, contribúen á formación da experiencia turística dun destino, á experiencia global que cada visitante ten no destino.

O establecemento ou empresa que se sume a este programa recibirá o distintivo de compromiso de calidade turística, que se obtén unha vez realizados con éxito todos os pasos do proceso. É o soporte que acredita e recoñece o esforzo realizado por todas as empresas e servizos participantes en relación ao compromiso pola calidade e a mellora continua, á vez que os distingue fronte á súa competencia. Ten unha validez bienal, condicionada a unha avaliación do seguimento.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, ten convidado a todo o sector vinculado ao ámbito turístico a participar nesta xornada informativa cuxo obxectivo último é mellorar a calidade da oferta turística do noso concello e a súa competitividade.

A obtención do certificado SICTED, non ten ningún custo para establecemento, recorda o rexedor tudense e que, amais, favorece a implantación e desenvolvemento dun sistema de mellora desa competitividade nas entidades do sector turístico, e recoñece o esforzo e o compromiso coa calidade e a mellora continua.

Na actualidade Tui conta con sete empresas que contan co distintivo de calidade turística SICTED e a vontade do goberno municipal é contribuír a incrementar este número.

Na xornada do próximo martes tamén se informará aos asistentes do proxecto Interreg SUDOE “Greentour – Economía circular e turismo sostible en destinos do espazo SUDOE”. Greentour ten o obxectivo de avanzar cara a un novo modelo ambiental, económico e social, á vez que se informa ao consumidor e obtense o seu compromiso coa contorna no que se desenvolve a actividade turística.

O Teatro Municipal estrea “As que limpan”
O Teatro Municipal de Tui acolle este venres, 18 de febrero, ás 21 h, a estrea a nivel nacional da obra “As que limpan”.

Trátase do novo espectáculo de A Panadaría. A obra prevista inicialmente para o pasado venres día 11 tivo que adiarse unha semana, e chegará este venres ao teatro tudense.

Sobre o escenario estarán Areta Bolado, Noelia Castro e Ailén Kendelman, que non só son as actrices deste espectáculo senón tamén as autoras e directoras desta peza teatral. Canda elas está un equipo técnico formado integramente por muller.

Continuando coa súa liña de traballo A Panadaría aborda nesta obra a loita social das limpadoras de pisos reclamando os seus dereitos, pero falan tamén “das mulleres abocadas aos traballos de limpeza e dos coidados, e coma estes traballos normalmente son traballos precarizados” tal e coma explicaban hai un par de semanas na presentación do espectáculo en Tui.

Pero en “As que limpan” reflexiona tamén sobre o modelo de turismo de masas e as súas consecuencias. Nesta obra A Panadaría conta coa coprodución do Centro Dramático Nacional.

As entradas para a representación en Tui están á venda dende este mediodía en www.tui.gal aos prezos de 10€ e 8€.

Tras a estrea este venres en Tui “As que limpan” continuará en xira por Redondela, Vilagarcía de Arousa, Vigo, As Pontes, Viveiro, Foz, Ames, Oleiros, Santiago de Compostela, Gondomar, Monforte de Lemos,, A Coruña, Lugo, Mos e Cedeira. Amais o 2 e 3 de abril estrarán a obra en castelán no Teatre El Musical en Valencia, e do 20 de abril ao 15 de maio estarán no Teatro María Guerrero en Madrid.