Tui | A escritora Rexina Vega estará este 23 de outubro en Tui para manter un encontro coas persoas integrantes dos clubs de lectura tudenses sobre o seu último libro “O teu perfil na miña sombra” publicado este ano en Galaxia.
Unha actividade que promove a concellería de Igualdade do Concello de Tui.
As vinte persoas que participan no Club de Lectura Tempo de Mulleres, dinamizado por Cristina Fernández Ameal, e as vinte participantes no Club de Lectura María Tydeska coordinado polo persoal da propia Biblioteca, terán a oportunidade de compartir con Rexina Vega as impresións sobre esta obra en forma de diario que recolle narración, poesía e ensaio sobre un dos temas esenciais da reflexión sobre o “ser muller”: a maternidade.
Rexina Vega, que protagonizará o encontro deste mércores, é doutora en Filoloxía Románica coa tese Bilingüismo e autotradución en Álvaro Cunqueiro, autor sobre o que publicou numerosos artigos e estudos monográficos. Durante os anos noventa foi docente na área de Filoloxía Galego-Portuguesa da Universitat Autònoma de Barcelona. Exerceu a crítica teatral na revista El Público e a crítica literaria para Quimera, Zurgai, Anuario de Estudos Galegos ou Grial, entre outras publicacións. Tamén foi colaboradora habitual da sección El trujamán do Centro Virtual Cervantes. No campo da lexicografía formou parte do equipo de redacción dos dicionarios bilingües español-francés da editorial Larousse e do Dicionario Vox galego-castelán. É Premio Sthendal e finalista do Premio Nacional de Tradución pola obra de Georges Perec “El secuestro”. Actualmente é profesora do Departamento de Lingua Española na Universidade de Vigo. Ten publicada varias novelas: “Cardume” (2007), “Dark Butterfly” (2012), “Nadie duerme” (2017 en castelán e 2019 en galego) asinando como Xina Vega, “O estado intermedio” (2020) e neste ano “O teu perfil na miña sombra. Diario dunha nai” sobre o que se centrará o encontro cos clubs de lectura tudenses.
Este encontro súmase á programación de “Outubro, mes da Biblioteca” que está desenvolvendo a Biblioteca Municipal de Tui arredor da celebración este xoves, 24 de outubro, do “Día da Biblioteca”. Para a concelleira de Ensino, Cultura e Mocidade, Sonsoles Vicente Solla, estes clubs de lectura son unha oferta de promoción da lectura e de participación social, onde o pracer da lectura se enriquece compartíndoo con outras persoas.
Pola súa banda a concelleira de Igualdade, Ana Núñez, pon en valor a importancia de poder compartir con autoras coma Rexina Vega a lectura das súas obras, neste caso indica “esta é unha oportunidade única para reflexionar sobre a maternidade dende unha perspectiva feminista”.
IV Feira da Cabaza
Reivindicar a cabaza, nas súas distintas variedades e usos, así coma as súas propiedades é o obxectivo da IV Feira da Cabaza, organizada polo Concello de Tui que se vai celebrar este sábado 26 e domingo 27 e o próximo xoves 31 de outubro no Mercado de San Antonio.
O sábado ás 10 h terá lugar a inauguración oficial e apertura do mercado de cabazas e produtos de temporada no que se poderá atopar, amais das cabazas, cestería, marmeladas, cogomelos, castañas, noces, mel, galletas, queixos e embutidos. Poderase visitar tanto o sábado coma o domingo de 10 a 14 h e de 17 a 21 h.
Pero amais do mercado a IV Feira da Cabaza acollerá un amplo programa de actividades dirixidas a todos os públicos. Así haberá showcooking coa chef Noelia Figueiras Vega, xerente de Ministerio del Fogón o sábado ás 12 h, do chef afincado en Tui Judicael Romero con “Innovacións con cabaza”, un proxecto no que fusiona tradición e modernidade empregando a cabaza coma fío condutor o domingo ás 12 h para os que é preciso inscribirse na Oficina de Turismo. Tamén cata de viños e tapas de mercado don D’Calle e Almacén Urbano con viños maridados con tapas elaboradas a base de cabazas e outros produtos de outono. Neste caso a participación ten un prezo de 25€/persoa debendo realizarse a inscrición en Almacén Urbano.
Tanto o sábado coma o domingo ás 13 h haberá sesión vermú con D’Calle e Almacén Urbano.
Os máis pequenos e pequenas, con idades entre os 3 e 11 anos, poderán gozar no obradoiro de cociña de Hogwarts no que elaborarán Snitch dorada de cacahuete, Ovos de dragón de Hagrid, e Crías de Aragog, e batidos das casas de Hogwarts. Amais está prevista unha charla, a cargo de María López nutricionista do Centro de Saúde de Tui, sobre “A cabaza nunha alimentación saudable”.
Non faltarán na programación outras actividades coma o espectáculo “A maxia das cabazas do profesor Wocky” e a actuación do saxofonista Marcos Sabor.
Mentres o xoves 31 celebrarase dentro da IV Feira da Cabaza un concurso-exposición no que todas as persoas participantes recibirán un agasallo para o que deberán entregar as súas cabazas decoradas a partir das 9 h no Mercado de San Antonio. Ás 14 h o xurado reunirase para entre todas as propostas presentadas entregar o premio á cabaza máis creativa e elaborada. Esa mesma tarde, a partir das 16 h, haberá pintacaras no mercado, e ás 17 h comezará o truco-trato polo comercio local en colaboración con ACITUI.
As actividades pecharanse cun roteiro nocturno de Samaín polo conxunto histórico do que nos próximos días se darán a coñecer todos os detalles.
A cabaza tamén será protagonista na hostalería local xa que na súa oferta gastronómica durante estes días incorporarán pratos elaborados con este produto.
Coa celebración da IV Feira da Cabaza o concello de Tui pon en valor e promoción do produto local e de temporada. A concelleira de Comercio e Mercado, Ana Núñez, salienta que con esta consolidada feira quérese “amosar a versatilidade deste produto e as súas múltiples variedades, tanto en receitas como en usos, ademais de subliñar as súas propiedades saudables”. Engade a concelleira de Comercio e Mercado de Tui que “ a feira non só é un espazo para adquirir cabazas e produtos de tempada, senón tamén un punto de encontro para a tradición, a cultura, o entretemento e a gastronomía. Agardamos que as actividades, dende os showcookings ata os obradoiros e concursos, sexan un éxito e que a veciñanza e os visitantes gocen desta celebración no Mercado de San Antonio”. Pola súa banda o alcalde, Enrique Cabaleiro, salienta que esta Feira da Cabaza é unha magnífica oportunidade para celebrar as tradicións vinculadas ao outono, buscando que a feira sexa un lugar de encontro tanto para a veciñanza coma para visitantes e turistas.