Tui | O Concello de Tui aposta pola formación e emprego desenvolvendo distintos proxectos como obradoiros de emprego, cursos de formación e actividades que contribúan a mellorar a empregabilidade da veciñanza tudense. O Centro Municipal de Formación e Emprego, en Guillarei, acolle actualmente intensa e variada actividade cunha ocupación nas súas instalacións superior ao 90%.
Neste senso, no día de hoxe inaugurouse un novo obradoiro dual de emprego ‘Senda peonil río Furnia’ que ocupará a 20 persoas traballadoras e 5 de persoal directivo en dúas especialidades: actividades auxiliares en conservación e mellora de montes e montaxe e instalación de construcións de madeira. Trátase dunha iniciativa para a que a Xunta de Galicia inviste más de 503 mil euros e o Concello tudense máis de 160 mil.
No acto, celebrado na Casa do Concello de Tui, estiveron presentes o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, a concelleira de Formación e Emprego, Ana María Núñez, a xefa territorial en Pontevedra da Consellería de Promoción de Emprego e Igualdade da Xunta, Marta Mariño, e a directora do obradoiro, Loli Pérez, entre outros.
Enrique Cabaleiro, quixo destacar que será unha actividade formativa que recupere e poña en valor o gran patrimonio natural co que conta a cidade, á vez que agradeceu o apoio da Xunta e o traballo da concellería de Emprego. Ana Núñez, responsable municipal deste departamento, fixo extensible os agradecementos aos veciños de Malvas e Pexegueiro pola cesión dos seus terreos particulares para a realización deste obradoiro.
Tamén neste senso, a responsable de emprego da Xunta na provincia, Marta Mariño, destacou que esta actividade de formación é froito do traballo co Concello e animou ao alumnado a non deixar a formación continua. Pola súa banda directora, Loli Pérez, indicou que espera que, co obradoiro, se valorice Tui e que o alumnado poida mellorar a súa empregabilidad
Ademais deste obradoiro que comeza hoxe, a actividade formativa en Tui conta con moitos outros proxectos para a veciñanza. Nos últimos días, o Concello recibiu a notificación da concesión de tres cursos de formación que empezarán proximamente e formarán a 15 persoas desempregadas en cada un deles. Serán en tres especialidades: ‘Montaxe de mobles e elementos de carpintería’ cunha carga de 538 horas lectivas, de ‘Instalación de elementos de carpintería’, cun total de 578 horas de formación, e de ‘Venda de produtos e servizos turísticos’, con carga lectiva de 688 horas. En total, a Xunta de Galicia investirá nestes cursos de Tui máis de 181 mil euros.
Tamén, este pasado mércores iniciouse o programa #YoEmprendo para mellorar a empregabilidade de 15 mozos e mozas desempregados inscritos en Garantía Xuvenil. Cun total de 50 horas de formación, contribuirá a enfocar as carreiras laborais dos asistentes e fomentará e dará ferramentas para o emprendemento.
Por outra parte 25 mulleres estanse a formar na segunda edición de Galegas Dixitais, programa para a dixitalización das mulleres, que se celebra tras o éxito da primeira edición na que outras 20 mulleres recibiron esta formación. Celébrase en horario de mañá e tarde cun total de 120 horas de formación. Está previsto en novembro comezar unha terceira edición. Amais 15 persoas de Tui están a participar, dende o 7 de outubro, no curso de Repoñedor/a de supermercado ao abeiro do Plan de Inclusión.
Á marxe destas iniciativas concretas, dende o Concello de Tui lembran as ferramentas para mellorar a empregabilidade e asesorar neste senso á veciñanza tudense coma o Servizo Municipal de Orientación e Emprego, situado no Centro Municipal de Formación e Emprego en Guillarei.
Un servizo que periodicamente organiza talleres de busca de emprego. Amais os luns a través da Radio Municipal de Tui emítese o espazo ‘Club de Emprego’ para achegar oportunidades laborais a persoas en busca activa de emprego. E en materia de formación en liña Tui está adherida a rede de Aulas Mentores do Ministerio de Educación e Formación Profesional a través da que se ofrecen formacións en liña cun amplo catálogo e liberdade de horarios.