Tui busca bater récord con 1.200 participantes na III San Silvestre Solidaria

A carreira será o 31 de decembro organizada polo Concello e Atletismo Tui

Tui | A dez días de que peche a inscrición máis de 600 persoas están xa anotadas na III San Silvestre Solidaria Tudenses que se vai celebrar o martes, 31 de decembro, dende ás 10.30 h. Por iso dende a organización – Concello de Tui e Atletismo Tui – agardan que se rexistre un novo récord superando as 1.200 persoas participantes de 2023. A inscrición está aberta até ás 22 h do domingo, 29 deste mes atletismotui.wordpress.com.

A presentación desta proba deportiva, lúdica e solidaria tivo lugar onte ao mediodía na casa do concello de Tui coa participación do alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, dos concelleiros de Deportes, Rafael Estévez, e de Servizos Sociais, Ismael Diz, da concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente, da presidenta e vicepresidenta do Club Atletismo Tui, Cristina Piñeiro e Laura Solla, respectivamente, do coordinador de xuntas locais da AECC, Telmo Crespo, a delegada no Baixo Miño da AECC, Pilar Barbosa, e Juan González, presidente da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil, entre outros.

O alcalde, Enrique Cabaleiro, sinalou na súa intervención que é esta é unha proba cunha connotación especial que xoga un papel moi importante polo seu carácter solidario. Fixo, Enrique Cabaleiro, un chamamento a participar nesta proba que conxuga o deporte cun carácter lúdico e festivo.

O concelleiro de Deportes de Tui, Rafael Estévez, destacou precisamente o bo ritmo da inscrición “nunha proba que se vai consolidando”. Sinalou que se trata dun evento non competitivo para disfrutar en familia. Remarcou tamén o carácter solidario da mesma coa Asociación Española Contra o Cancro, lembrando que o ano pasado se recadaran preto de 5 mil euros. Pola súa banda o concelleiro de Servizos Sociais, Ismael Diz, desexou moito éxito a este evento que é bo para a saúde, no que se practica deporte, se coñece o noso patrimonio e se colabora cunha entidade coma AECC.

Laura Solla, do Club Atletismo Tui, cualificou esta San Silvestre Tudense coma unha “proba rápida e bonita, que da para correr ou para facela de forma máis lúdica”. Indicou que dende o Club Atletismo están orgullosos deste actividade tanto por estar dirixida á familia coma pola seu carácter solidario coa AECC. Telmo Crespo, coordinador das xuntas locais da AECC, indicou que esta San Silvestre “une deporte e solidariedade”, e agradeceu que sexa en beneficio da Asociación Española Contra o Cancro, unha entidade que o ano pasado en Tui realizou 308 intervencións.

A III San Silvestre Solidaria Tudense celebrarase o martes, 31 de decembro, con saída ás 10.30 h dende o Paseo da Corredoira para realizar un percorrido de catro quilómetros, correndo, andando ou practicando marcha nórdica, polo centro urbano. Ao remate haberá rosca e chocolate, e ás doce do mediodía coas badaladas tomaranse ás uvas na praza da Inmaculada. Contarase coa amenización musical de dj Dumper.

A inscrición, gratuíta, está aberta até ás 22 h do domingo, 29 de decembro, en https://clubatletismotui.wordpress.com/. É en beneficio da Asociación Española Contra o Cancro polo que poden facerse donativos no número de conta ES50 2100 2188 8302 0022 3608 ou en efectivo coa recollida do dorsal o día da carreira.

Este evento, organizado polo Concello de Tui e o Club Atletismo Tui, conta coa colaboración da Policía Local, Protección Civil de Tui e a Radio Municipal de Tui.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.