Tui | Miles de persoas agárdase que gocen mañá en Tui da IX Festa do Miño que se vai celebrar ao longo da xornada e que terá o río Miño coma eixo central.
Esta mañá na casa do concello tivo lugar a presentación da festa a cargo do alcalde, Enrique Cabaleiro e da concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente, xunto aos representantes da asociacións culturais que van participar na Festa Gastronómica Conchi Sales de San Telmo, Natividad Romero de Santa Columba de Ribadelouro, Laura Fernández de O Mosteiro de Pexegueiro, Rosi Moreira de San Bartolomeu, Bea Pérez de Xuntanza de Randufe, José Rodríguez de Seixos Albos de Areas, Alicia González de Lembranzas da Terra de Guillarei, José Ángel Pimentel de A Insua de Caldelas, José Álvarez de San Fins de Rebordáns, Manuel Fernández de Paramos, Secundino Domínguez de Pazos de Reis e Rosana Martínez do Traxe Tradicional de Tui.
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, agradeceu ás asociacións culturais a súa participación na IX Festa Gastronómica, realizando amais un recoñecemento público polo labor que realizan ao longo do ano. Con respecto á IX Festa do Miño dicía que é o evento que persoas traen á cidade e o que menos desembolso económico xera. Amosou o seu convencemento en que será un éxito e avanzou que traballarán para mellorar este evento ano a ano.
A concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente, avanzou que en vindeiras edicións tentarán achegar esta Festa do Miño máis ao río, ao tempo que sinalou que a Festa Gastronómica terá lugar mañá sábado na rúa Compostela que é máis ancha e longa que a rúa Lugo onde se celebrou nos anos anteriores. Tamén agradeceu tanto o labor do Kaiak Tudense na organización da Romaría Popular, o Descenso Popular e do Descenso Internacional coma das asociacións culturais participantes na Festa Gastronómica.
A IX Festa Gastronómica comezará ás 20 h na rúa Compostela onde as asociacións A Insua de Caldelas, Aloia de Pazos de Reis, Laxes de Paramos, Lembranzas da Terra de Guillarei, O Mosteiro de Pexegueiro, San Bartolomeu, San Fins de Rebordáns, San Telmo, Santa Columba de Ribadelouro, Seixos Albos de Areas, Traxe Tradicional e Xuntanza de Randufe ofrecerán produtos tradicionais elaborados artesanalmente.
Precisamente a empanada de pan millo será un dos pratos estrela que haberá nesta IX Festa Gastronómica. Non faltarán outras elaboracións coma empanadillas, tortillas, paella, xamón asado, bocadillos, sobremesas caseiras… con produtos sen glute e veganos segundo explicaron hoxe as asociacións participantes, que agradeceron ao concello a oportunidade de participar nesta festa. Ao tempo amosaron tamén a súa gratitude aos veciños e socios pola súa colaboración na elaboración de todos os produtos. Haberá 24 postos de venda de comida a prezos de 1€, 2€ e 3€, e 6 de bebida con prezos de 1,5€ refrescos, viño e cervexa e 1€ a auga.
A Asociación San Telmo servirá empanadas de millo feitas coma antigamente e o “pincho do peregrino”, no posto de Santa Columba de Ribadelouro haberá “polbo de pobre” que é orella preparada coma o polbo e Xuntanza servirá a paella en cunchas de vieira nun guiño aos peregrinos, e disporá de tarta de iogur sen glute e pratos veganos. Tamén no posto de A Insua de Caldelas haberá sobremesas veganas, e no de San Fins de Rebordáns pratos sen glute, mentres que a Asociación do Traxe Tradicional ofrecerá arepas feitas polos compoñentes venezolanos deste colectivo.
A nota musical, ás 22.30h, correrá a cargo de Fillos do Estramonio que chegan a Tui dentro da súa xira “Rock&Risa 2019!”. Este grupo de rock que mestura nas súas actuacións música e humor achegará un espectáculo festivo que non deixará a ninguén indiferente. Os Fillos do Estramonio revisan os clásicos do rock adaptándoos ao galego e cambiándolles as letras por temas de actualidade.
A festa comezará ás 12 h na ribeira de Caldelas da man do club Kaiak Tudense que organiza a Romaría Popular na que se poderán degustar distintos pratos tradicionais a prezos populares, nun inicio de xornada con marcado carácter festivo. Até Caldelas irán chegando os máis de 760 participantes no Descenso Popular do Miño que ás 16 h comezará o seu percorrido de 7 quilómetros até chegar a Tui. Un descenso no que participan persoas de todas as idades, familias, grupos de amigos,… que gozan así dun traxecto sinxelo, no que moitos aproveitan para facer algunha parada e dar un chapuzón. Haberá servizo de autobuses dende Tui a Caldelas, e coma novidade este ano transporte de mochilas.
Ás 18.30h dende Salvaterra, a carón da vella Ponte Internacional, terá lugar a saída do 48º Descenso Internacional do Miño, un evento referente no mundo do piragüismo que reunirá a 536 padeeiros de 43 clubs. A saída dende terra é un momento espectacular, á que este ano se engade coma novidade o feito de que nos k2 un dos padeeiros estará xa na embarcación na auga, e o outro sairá dende terra. Prevese un descenso rápido polas condicións do río con marea alta comezando a baixar polo que en menos dunha hora poderían estar xa as primeiras embarcacións cruzando a liña de meta situada fronte ás gradas na rúa Olímpicos Tudenses. Este tamén é o punto ao que chegan os participantes no Descenso Popular, polo que se prevé aquí tamén un gran ambiente festivo. Neste mesmo lugar terá lugar a entrega de premios ao gañadores do Descenso Internacional. Tanto o Descenso Popular coma o Internacional están organizados polo Club Kaiak Tudense.
Puntos informativos sobre Igualdade
A concellería de Igualdade do Concello de Tui terá mañá dous puntos informativos sobre igualdade, prevención e loita contra a violencia sexual na Festa do Miño. O primeiro deles estará na ribeira de Caldelas de 12 a 16 h e o segundo na rúa Compostela de 20 a 23.59 h.
Técnicos do concello de Tui achegarán información sobre o Servizo Municipal de Atención a Mulleres e Menores que atende ao público os martes na casa do concello previa cita. Ao tempo en colaboración co Servizo de Igualdade da Deputación de Pontevedra contarase co material institucional da campaña “Lembra, eu decido, ti respectas”, e se repartirán folletos explicativos nos que se amosan con claridade os límites ante posibles agresións. Tamén se contará cun photocall desta campaña “Lembra, eu decido, ti respectas”, no que aquelas persoas que o desexen se poderán tomar fotografías e amosar con este acto simbólico o seu apoio e compromiso nesta causa, xa que a loita contra a violencia de xénero é responsabilidade de todos e todas. Tamén se contará con material informativo doutras campañas coma “En Negro” na que Tui participa, …
O obxectivo que se persegue con esta iniciativa é informar e concienciar á poboación da importancia das relacións en igualdade.
Restricións de Tráfico
Debido á celebración da Festa do Miño haberá restricións de tráfico. Así tanto a rúa Compostela coma Mondoñedo están pechadas ao tráfico, e mañá toda a xornada pecharase a Avenida do Parador.