Tui | O Concello de Tui conmemorará esta semana o CXXXII aniversario da celebración na nosa cidade dos Xogos Florais de Galicia, que tiveron lugar do 24 ao 26 de xuño do ano 1891 e que marcaron un singular fito na historia de Galicia, ao ser o primeiro acto público celebrado integramente na nosa lingua e que coloca á nosa cidade como lugar primixenio na recuperación do noso idioma e do seu uso público.
Esta conmemoración abrangue dúas actividades: este xoves, 22 de xuño, ás 20 h no edificio Francisco Sánchez celebrarase unha conferencia de Xesús Alonso Montero, da Real Academia Galega, titulada “Significado do discurso en lingua galega de Manuel Murguia o 24 de xuño de 1891, nos Xogos Florais de Tui”.
Este sábado, 24 de xuño, ás 20 h na praza de Frómista, terá lugar un recital poético de Pepe Cáccamo co “Cántico dos topónimos esdrúxulos” acompañado da música de Madalena Gamalho e presentado pola escritora Marga do Val. O acto desenvolverase na Praza de Frómista, fronte ao Teatro Principal que acolleu a celebración destes Xogos Florais que agora lembramos.
Para o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, estes actos conmemorativos do CXXXI aniversario da celebración en Tui dos Xogos Florais de Galicia, “sitúan por uns días a nosa cidade como protagonista no ámbito da cultura de Galicia e evidencian unha vez máis, a singular achega de Tui á cultura de Galicia realizada ao longo do tempo, salientando este acontecemento dos Xogos Florais que supuxeron a recuperación da nosa lingua no ámbito público”. O rexedor tudense agradece a colaboración da Real Academia Galega así como da Deputación Provincial de Pontevedra na organización destas actividades.
Xesús Alonso Montero (Vigo, 1928) é un dos ensaístas máis importantes da Galicia das últimas décadas. Presidente da Real Academia Galega (2013-2017), catedrático emérito de Literatura Galega da Universidade de Santiago de Compostela, o seu labor como escritor, tradutor e conferenciante fai del un dos intelectuais máis recoñecidos e premiados da nosa hora.
O seu relatorio enlaza coa figura de Manuel Murguia, de quen se cumpre este ano o centenario do seu falecemento, e que foi un dos grandes impulsores do Rexurdimento e primeiro presidente da Real Academia Galega tras a súa fundación en 1906. O discurso que pronuncia nos Xogos Florais tudenses ten unha importancia capital para o desenvolvemento da nosa lingua e a nosa cultura.
Xosé Álvarez Cáccamo (Vigo, 1950)
Poeta, narrador, crítico literario e catedrático de Literatura. Considerado como un dos máis importantes poetas galegos actuais e membro destacado da Xeración dos 80, publica como narrador os libros de relatos Microtopofanías (1992) e A luz dos desnortados (1996). No apartado de ensaio e crítica literaria deu á luz as obras Galego cero (1978); Celso Emilio Ferreiro, Longa noite de pedra (1985), Xosé María Álvarez Blázquez, Poesía Galega Completa (1987); Celso Emilio Ferreiro, Onde o mundo se chama Celanova (1991) e a antoloxía 50 anos de poesía galega. A xeración do 36 (1994). No eido do teatro publicou Monstro do meu labirinto (1987) e Casa dormida (1988).Traducido ao catalán, español, euskera e italiano, como poeta está en posesión do Premio Esquío, do Premio da Crítica de Galicia e do Premio da Crítica Española.
Especialmente vinculado á cidade de Tui, pois a súa familia paterna procede da nosa cidade, este recital está centrado no seu libro de poemas “Cántico dos topónimos esdrúxulos” (2010).
Madalena Gamalho é unha das grandes voces emerxentes do panorama musical galego. Cantora e compositora con ampla formación técnica vocal e unha especial conexión co mundo lusófono. Inicia o seu percurso musical en 2015 en formacións como Nota Bene ou Os Meninos, actuando en Galicia e Portugal. Vocalista na actualidade tamén da banda jazz folk Laroá e recentemente finalista no concurso Sonidos Mans 2022 co seu proxecto mais persoal, INVENTO.
Xogos Florais de Galicia, Tui 1891
Estes actos rememoran a celebración na nosa cidade o 24 de xuño de 1891 dos Xogos Florais de Galicia, primeiro acto público realizado integramente na nosa lingua, e que organizados pola Asemblea Rexionalista Galega, premiaban composicións en galego e castelán de diversos xéneros, como no caso tudense, a poesía. O primeiro presidente da institución, Manuel Murguía, converteríase aquel día no primeiro intelectual en dirixirse ao público en galego, lendo un discurso que constitúe un compendio do seu pensamento historicista e reivindicador, sinalando que o principal obxectivo era “o renacemento dunha nacionalidade case morta e esquecida por medio da literatura, das tradicións e da historia”.
Na cidade de Tui unha Xunta Rexionalista, integrada por Manuel Fernández de Herva, como presidente, xunto a Eduardo Caballero Canals, o cóengo Antonino Cerviño González, Juan Areses Alonso, o tamén cóengo Manuel Lago González, Juan Álvarez Cardero, Indalecio Rodríguez de Córdoba, Justo Salvador Fortes, Leoncio Comesaña González, Vicente García Rivera e Martín Díaz Spuch, organizaron, como representantes do Consistorio dos Xogos, un amplo programa que supuxo incluso o traslado das festas patronais de San Telmo. Do amplo programa desenvolvido salienta o propio acto dos Xogos, xunto a un concurso de gaiteiros, un banquete “rexionalista” ou a función solemne de San Telmo na Catedral tudense coa actuación da orquestra catedralicia dirixida polo mestre Manuel Martínez Posse. Destacan no programa destes Xogos ás intervencións de Manuel Murguía, Salvador Cabeza de León ou Alfredo Brañas pero tamén as achegas tudenses: o discurso de Manuel Lago, como voceiro da Xunta Rexionalista de Tui, no acto celebrado no Teatro Principal e titulado “Gabanza da lingua galega” así como o chamado “sermón rexionalista” pronunciado polo cóengo tudense Antonino Cerviño na catedral de Tui.
Para a cidade de Tui estes actos de lembranza daquelas xornadas supoñen evidenciar, nunha nova oportunidade, a singular achega da nosa cidade á cultura de Galicia realizada ao longo do tempo salientando este acontecemento dos Xogos Florais que supuxeron a recuperación da nosa lingua no ámbito público. Este recital poético está organizado polo Concello de Tui e conta coa colaboración da Deputación Provincial de Pontevedra.