Tui | A praza da Inmaculada será o escenario, o sábado 11 de xuño, da celebración do Día Internacional de Tecer en Público. Ao longo de todo o mes haberá distintas actividades organizadas por Cucapuntoes e M y R Abalorios, coa colaboración do Concello de Tui e de TejeTui, contando coa participación das mercerías locais Elia, Fiadeiras e Ideas.
Con motivo desta celebración realizarán unha Yarn Bombing, na praza da Inmaculada, que decorarán con tecidos feitos a man. Serán elaborados previamente en Tejejuntas os mércores de 18.30 a 20.30 h en Abalorios M Y R, onde confeccionarán bandeiríns, e na comunidade TejeTui que realizarán unha creatividade con grannies para adornar a praza.
Xa sábado 11, Día Internacional de Tecer en Público, o programa previsto comeza ás 10.30 h cun almorzo en Ideas Peregrinas. A partir das 12 h, na Praza da Inmaculada decorada para a ocasión co Yarn Bombing, e durante toda a xornada as persoas participantes tecerán, compartirán proxectos, e trucos. Descansarán entre ás 14 e ás 16.30 h para xantar en Tapas e Viños.
Coma remate ás 19 h realizarán un sorteo entre todas as persoas participantes no evento, e todas as que compartan fotografías en redes sociais coa etiqueta #tejemaratontui. Durante toda a xornada na praza haberá unha exposición dos traballos de fin de curso dos distintos obradoiros.
Nos obradoiros, no almorzo e no xantar do día 11 poderán participar todas as persoas interesadas previa inscrición en tejemaratontui@gmail.com ou no taller Cucapuntoes na rúa Compostela 4.
Amais das actividades previstas o sábado 11, cada sábado de xuño dende ás 11 h haberá obradoiros gratuítos. Este sábado día 4 será un obradoiro de “Coleteiro” con material cedido por M y R Abalorios, o sábado 18, no Liceo Casino, confeccionaran un bolso hippie, e o sábado 25 realizarán unha funda para levar unha botella de auga no parque do Penedo.
Durante o mes de xuño todas as persoas que realicen unha compra mínima de 5€ nas mercerías locais entrará no sorteo dunha cesta de produtos cedidos polas propias mercerías e dun moneco amigurimi tecido por Cucapuntoes que se realizará o 4 de xullo na Radio Municipal de Tui. Pero amais as persoas que en instragram empreguen a etiqueta #tejemaratontui entrará no sorteo dun patrón dixital.
Mesa do Camiño de Santiago
Avaliar a situación actual e a problemática do Camiño de Santiago, así como a peregrinación ao seu paso por Tui e valorar as necesidades e retos que plantexa foi o obxectivo da reunión da Mesa do Camiño de Santiago en Tui celebrada o pasado mércores, 25 de maio.
Estivo presidida polo alcalde, Enrique Cabaleiro, e contou coa participación de representantes dos distintos sectores – aloxamentos, restauración, servizos aos peregrinos, igrexa e movemento asociativo xacobeo – que forman parte da Mesa.
Tamén estivo presente un representante de Turismo de Galicia, neste caso Ildefonso de la Campa, director de Administración e Relacións coas Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago da S.A. Xacobeo.
A reunión comezou coa valoración por parte do rexedor tudense, que empezou comentando a nova localización da Oficina Municipal de Turismo e aportando que, segundo os datos achegados dende esta Oficina, ao longo deste ano foron atendidos un total de 7.769 visitantes, deles 5.665 turistas (5.008 españois e 657 estranxeiros) xunto a 2.104 peregrinos (997 españois e 1.107 estranxeiros).
Salientou o alcalde a importancia estratéxica para Tui tras a recente certificación por parte do Goberno de Portugal do Caminho Portugués da Costa entre Porto e Valença e que abre novas expectativas. Enrique Cabaleiro sinalou as accións promocionais realizadas en Fitur en Madrid ou na Bolsa de Turismo de Lisboa, tamén que Tui solicitou un Plan de Sostenibilidad Turistica en Destino presentado a través do Xeodestino Ria de Vigo – Baixo Miño con diversas accións vinculadas ao Camiño de Santiago.
No que atinxe as obras relacionadas coas rutas xacobeas, manifestou que o edificio do Cárcere Vello xa foi cedido á Xunta de Galicia para a creación do centro de acollida de visitantes e turistas. Así mesmo, que axiña se iniciaran as obras de humanización das rúa Antero Rubín e Cóengo Valiño polas que discorre o Camiño e referiuse á subvención recentemente concedida para a reforma integral do paso de peóns na zona da Virxe do Camiño.
Tamén se informou sobre o funcionamento do perfil “Camiño Portugués Tui” principalmente en facebook e tamén en instagram. O grupo de facebook conta con máis de 4.800 membros e unha grande actividade, de xeito que se espera chegar ás 900.000 visualizacións entre o 1 de xullo do ano pasado e o vindeiro 30 de xuño.
O representante de Turismo de Galicia, Ildefonso de la Campa, deu conta das medidas impulsadas dende a Xunta de Galicia a prol do sector e da reactivación das rutas xacobeas así como as previsións de afluencia de peregrinos e as medidas que estás artellando para peregrinacións masivas como a Peregrinación Europea de mozos deste verán.
De seguido houbo unha quenda de intervencións dos asistentes que incidiron na necesidade de incrementar a promoción da cidade diante dos peregrinos. Especialmente evidenciaron a súa preocupación polos problemas de mobilidade en transporte público que afectan á nosa cidade pois é dificultoso chegar a Tui tanto dende Santiago como dende Porto.
Isto último repercute negativamente na competitividade turística da cidade. Incidiuse na necesidade de mellorar a calidade na oferta turística, coa adaptación de horarios ás necesidades e costumes dos peregrinos así como no preocupante incremento da oferta de establecementos non legalizados. O alcalde, Enrique Cabaleiro, manifestou a súa satisfacción por esta reunión pois permitiu coñecer de primeira man a situación deste sector e continuar o traballo que se impulsa a través da Mesa do Camiño de Santiago en Tui de cooperación entre os diversos sectores implicados.