Tui | A Concellería de Cultura do Concello de Tui promove a conmemoración o vindeiro 24 de febreiro do “Día de Rosalía” en que se conmemora o 184 aniversario do nacemento da escritora máis representativa e reivindicativa de Galicia, Rosalía de Castro, pola súa defensa do pobo e da lingua.
O Concello de Tui acordou no ano 2013 a celebración anual deste evento e neste ano dende a Concellería de Cultura, a través da Biblioteca Municipal, se teñen preparado diversas lonas con varios dos poemas máis populares de Rosalía de Castro que se colocarán na fachada da Biblioteca para lembrar esta celebración e contribuír á difusión da súa obra poética.
Dada a situación epidemiolóxica actual e as medidas sanitarias derivadas da pandemia da Covid-19, dende a Concellería de Cultura do Concello de Tui indican que as actividades están limitadas. Con todo, o concello súmase como en anos pasados á iniciativa impulsada dende a Fundación Rosalía de Castro, denominada o “Caldo de gloria”.
“Unha iniciativa que xorde a partir do poema “Miña casiña, meu lar” (Follas novas, 1880)”
Unha iniciativa que xorde a partir do poema “Miña casiña, meu lar” (Follas novas, 1880), no que unha muller pobre que chega á casa mollada e esfameada, a pesar de que carece de todo, consegue o milagre da supervivencia: facer un humilde caldo de gloria e un bolo do pote, quentarse ó pé do lume e ser feliz.
Dende a concellería de cultura convídase aos tudenses a preparar no ambiente familiar este “Caldo de Gloria”. Un caldo para celebrar tamén a nosa cultura gastronómica popular e subir logo ás redes sociais da Biblioteca Municipal de Tui (en Facebook, Instagran ou Twitter) as imaxes e comentarios sobre este “Caldo de Gloria”.
O propio día 24 de febreiro a Radio Municipal de Tui emitirá diversos poemas de Rosalía de Castro lidos por persoas recoñecidas de Tui, de diversos ámbitos sociais, contribuíndo deste modo á divulgación da súa obra e da súa figura.