Tui | O pasado venres 16 de xullo tivo lugar a clausura da actual temporada do programa Cultiva a Mente promovido polo Concello de Tui e AFAGA para promover un envellecemento activo e saudable. Dende o pasado mes de setembro participaron no mesmo máis de 60 mulleres e homes distribuídos nos grupos que semanalmente se reunían en Areas, Caldelas, Guillarei, Pazos de Reis e Rebordáns.
No acto de clausura, deste mediodía, na Ribeira de Caldelas, os e as asistentes do programa recibiron os seus diplomas da man do alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, do concelleiro de Servizos Sociais, Ismael Diz, e do presidente de Afaga, Juan Carlos Rodríguez. Cultiva a Mente volveu a actividade presencial en xuño tras varios meses no que se impartiu de xeito telemático, pola situación sanitaria, enviando o material a través de distintas plataformas ou a domicilio.
A valoración da actividade é moi positiva tanto polo número de persoas participantes coma pola consecución dos obxectivos fixados para esta iniciativa.
“A valoración da actividade é moi positiva”
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro sinalou no acto de clausura que “para o Concello de Tui era unha prioridade trasladar a atención psicosocial ao mundo rural xa que a maioría deste tipo de servizos atópanse nos centros urbanos das cidades, así que asumimos o compromiso de estendelo ás parroquias de Tui”. Indicaba o rexedor que “dedicarán cantos recursos sexan necesarios para que este servicio poida ampliarse máis días e máis horas” desexando que “o ano que ven poida haber máis dunha centena de participantes”.
O concelleiro de Servizos Sociais, Ismael Diz, destacou na súa intervención que “a aposta por este programa é total por parte do concello”. Salientou que o programa está baseado no traballo en grupo pero, por mor da pandemia, durante moitos meses non se puideron celebrar actividades de grupo, pero si mantivo o contacto cos participantes de xeito individual.
Pola súa banda o presidente de Afaga, Juan Carlos Rodríguez, felicitou aos asistentes pola súa participación no programa a pesar das restricións, coas dificultades que supuxo para eles esta situación, e congratulouse de que Concello de Tui apostara por Cultiva a Mente. Indicaba amais que “a través dos recursos de proximidade do entorno e de novos procesos e proxectos na cidade de Tui imos crear unha estrutura de apoio aos coidadores, as persoas maiores, e as persoas que teñan algún grao de vulnerabilidade na cidade”.
Durante hora e media á semana nos centros culturais de Areas, Caldelas, Guillarei, Pazos de Reis e Rebordáns, os participantes neste programa preventivo coñeceron coma funciona o noso cerebro, técnicas de aprendizaxe de mellora, estimulación de distintas funcións cognitivas coma memoria, atención ou linguaxe.
Ademais, Cultiva a Mente tamén fomenta a sociabilidade ao ser unha actividade grupal.