Tui | Rehabilitación de inmobles para destinalos a vivendas, obras menores que favorecen as condicións de habitabilidade, mellora das infraestruturas,… son algúns dos proxectos que están previstos no Conxunto Histórico de Tui e que supoñen un importante avance na recuperación e revitalización desta zona da cidade.
No marco do Plan Especial de Protección do Conxunto Histórico-Artístico de Tui, PEPCHA, ao longo de 2024 viabilizáronse 12 proxectos de rehabilitación nas rúas Cuenca, Ordóñez, Sanz, Ouro, Augusto González Besada, ou Martínez Padín entre outras, que permitirán a creación de 18 novas vivendas neste ámbito así coma de 2 apartamentos turísticos.
Amais no mesmo período o departamento de Patrimonio e Conxunto Histórico xestionou máis de 40 solicitudes de obra menor que reflicten o crecente interese e implicación dos propietarios no mantemento das edificacións situadas nesta zona. Estas intervencións, de menor envergadura, son esenciais no día a día para o mantemento e recuperación do Conxunto Histórico. Precisamente para este tipo de actuacións o Concello de Tui realizou este verán unha nova convocatoria as axudas ao abeiro da Área de Rehabilitación Integral.
Máis alo das iniciativas de obra privada foron viabilizados tamén proxectos de obra pública coma a rehabilitación do edificio situado na rúa Camilo José Cela inaugurado no mes de decembro; a rehabilitación da Cárcere Vella en plena execución para converter o edificio nun espazo museístico e de atención ao peregrino, ou o desentullo do Teatro Principal coma primeiro paso de cara a súa futura rehabilitación.
No impulso e xestión de todas estas actuacións xogará un papel fundamental o Centro Rexurbe, un dos obxectivos de 2024, que serve coma punto de información, asesoramento e xestión para impulsar actuacións de rexeneración e dinamización de actuacións arquitectónicas, urbanísticas, económicas e sociais no Conxunto Histórico.
O traballo continuará neste 2025, xa que no primeiro trimestre do ano está previsto viabilizar proxectos de gran envergadura coma a rehabilitación integral do edificio da rúa Bispo Castañón adquirido pola Xunta para a construción de tres vivendas de alugueiro social e un baixo comercial, así como os proxectos de rehabilitación de dous edificios no céntrico Paseo da Corredoira. Tamén se agarda que ao longo do ano a Xunta presente os proxectos de rehabilitación doutros tres inmobles en ruína adquiridos dentro do plan Rexurbe 2023.
Amais, no eido da obra pública, nas próximas semanas comezarán as obras de rexeneración urbana da Corredoira Sur e da rúa Augusto González Besada que suporán unha mellora importante na mobilidade peonil neste céntrico espazo. Tamén están en fase de redacción os proxectos de mellora das prazas da Estrela, Fromista, a Armada e O Pracer ao abeiro do PSTD Plan de Sostibilidade Turística en Destino, PSTD, “Vive a historia, descobre Tui: conexión sostible entre patrimonio e natureza”, e se acometerá con fondos deste plan a mellora da iluminación do Conxunto Histórico, e a través do PSTD do Xeodestino, do que Tui forma parte, a iluminación artística da Catedral.
O departamento de Patrimonio e Conxunto fixa, entre outros obxectivos, para este 2025 a aprobación dunha Ordenanza de Rexistro de Solares, que está actualmente en fase de redacción. Constituirá unha ferramenta técnica e xurídica que dará cobertura ao concello para abordar a situación de inmobles en ruínas ou en mal estado de conservación.
A concelleira de Patrimonio e Conxunto Histórico, Ana Núñez, destaca que “os datos demostran coma o noso Conxunto Histórico comeza a recuperar o seu dinamismo e vitalidade, converténdose de novo nun lugar onde se pode vivir, traballar e desfrutar plenamente”. Engade que “o noso pasado e o noso futuro atópanse aquí, e con cada nova iniciativa achegámonos máis á meta de lograr un espazo vivo e cheo de oportunidades”.
A concelleira de Patrimonio e Conxunto Histórico manifesta a súa satisfacción polo traballo acadado neste ano que remata, “un logro que non sería posible sen o esforzo coordinado do noso Departamento de Urbanismo, a colaboración da veciñanza e a implicación dos profesionais do sector. A todos eles, quero expresar o meu máis sincero agradecemento. Este labor é a proba de que, cando traballamos xuntos, podemos transformar retos en oportunidades e facer realidade un proxecto tan ambicioso como a recuperación do noso Conxunto Histórico”.