Tui congregará 1.233 persoas nas 15 Comparsas de Entroido

O desfile será o martes 4 de marzo

Tui | Un total de 1.223 persoas pertencentes a 15 comparsas van participar o próximo martes, 4 de marzo, no XXXVI Concurso Desfile de Entroido en Tui enchendo de corido, animación, música,.. as rúas novas da cidade.

O desfile comezará ás 17.30 h para realizar un percorrido polo circuíto establecido nas rúas Mártires de Sobredo, Casal Aboy, Compostela, Betanzos, Irmáns Maristas, Ourense e A Guarda. Dentro da lista de 15 comparsas inscritas haberá participación da cidade anfitrioa, Tui, e tamén de Tomiño, Salceda, O Porriño, Vigo, Gondomar, Soutomaior, Nigrán e Pontecaldelas. Agárdase que miles de persoas se dean cita nestas rúas para gozar co espectáculo do Entroido tudense.

A representante de Tui será o Club Locos por las Bicis, coa súa comparsa “Ave Tui-Valença”; dende Salceda, a Asociación Cultural e Deportiva Amigos do Carnaval de Salceda con “Amigos do Carnaval”, a Asociación Cultural En Loureiro coma Sempre con “Entroido Picoña”, e a Asociación Cultural Talismán con “Comparsa Talismán”; de Tomiño Asociación Cultural Comparsa Luces de Tomiño con “A realeza de luces”; de Vigo participarán a Asociación Os da Casa coa carroza “The visual dome”, o Centro Veciñal e Cultural de Valladares con “Valla school” e a Asociación Os Festeiros de Bembrive con “Festeiros en festas”; de Gondomar serán a Asociación Cultural O Millor de Cada Casa con “Destino entroido”, a Asociación Politicamente Incorrectos con “Eterna Venecia”, e a Asociación Carnavales de Mañufe e a súa carroza “Relativiverso”; de Nigrán participará a Asociación Centro Cultural Parada do Miñor con “Os tribu-hos”; de Pontecaldelas será a Asociación A Pandilla con “Pandilla pirata”; e, pechando a lista, dende O Porriño a Asociación Cultural de Pontellas con “O día e a noite”.

Mentres o xurado delibera actuará o grupo “Unión y Fuerza”. Destínanse a premios 5.400€ en 9 categoría nas categorías Xeral, Carroza, Parodia, Coreografía e Música, que oscilarán entre os 900 € do primeiro premio na categoría xeral e os 300€ de acompañamento musical. Amais o Concello de Tui destina 11.400 € en concepto do importe fixo por participación que será de 700€ para as comparsas que participen con carroza e de 300€ se van sen carroza.

O 33% dos membros tanto de grupos coma de comparsas deberán participar o domingo 9 de marzo, ás 19.30 h, no Enterro do Bacallau, para despedir o Entroido cunha gran festa en Tui.

A concelleira de Cultura de Tui, Sonsoles Vicente, destacaba as miles de persoas que de toda a contorna se achegan cada ano o Martes de Entroido a Tui para asistir ao desfile cheo de cores, luces, música e parodia. Convidaba a concelleira a participar o próximo martes en Tui desta festa de Entroido.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.