Tui | Unha xornada de portas abertas e unha mesa redonda abren mañá xoves en Tui os actos conmemorativos do 60 aniversario da presenza en Tui do patrulleiro Cabo Fradera.
Así mañá xoves de 16 a 19 h nas instalacións da Comandancia Naval do Miño, na Baixada ao Embarcadoiro, haberá unha xornada de portas abertas nas que se poderá visitar unha exposición de material da Armada. Amais poderase subir a bordo do Cabo Fradera, para o que era preciso inscrición previa.
A continuación, ás 20 h, no salón de actos da aula da UNED, na rúa Antero Rubín, celebrarase unha mesa redonda sobre este sesenta aniversario da chegada a Tui do PVI Cabo Fradera que se cumpriu o pasado domingo 10 de setembro. Participarán o CF Enrique García González, excomandante Naval do Miño, Rosendo Bugarín González, autor do libro “Tui y la Armada e José Joaquín García Rodríguez ‘Pepín Pernas’, medalla ao mérito naval. Será moderada por José A. Font Moldes, director da Radio Municipal de Tui.
Os relatores achegarán as súas vivencias e experiencia sobre a presenza deste patrulleiro en Tui e como ao longo dos anos se conforma como un elemento representativo da nosa cidade. A entrada será libre até completar o aforo.
Mentres este venres, 15 de setembro, ás 11.30 h terá lugar o acto central desta conmemoración nas instalacións da Comandancia Naval.
O Concello de Tui fará entrega dun bandeirín ao patrulleiro Cabo Fradera con motivo do sesenta aniversario da súa presenza en Tui e como recoñecemento da nosa cidade a ampla traxectoria deste patrulleiro e a súa permanente contribución á vida do noso municipio a longo destas décadas.
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro González, indica que o acto de entrega dun bandeirín co escudo do buque con motivo do sesenta aniversario da presenza en Tui do patrulleiro de vixilancia interior Cabo Fradera da Armada testemuña “o recoñecemento a súa traxectoria, actividade e implicación coa cidadanía tudense e do Baixo Miño”.
Exposición do museo xudeu de Odesa
A exposición “Tu pueblo será mi pueblo” sobre o museo xudeu da cidade ucraína de Odesa pode visitase ao longo deste mes no anexo da Sala Municipal no edificio Francisco Sánchez, en Tui. A mostra chega a Tui da man da Red de Juderías España coa colaboración do Concello de Tui e forma parte da programación ‘Setembro xudeu en Tui’.
Esta exposición é unha iniciativa do Museo Xudeu de Béjar, en colaboración coa Rede de Barrios Xudeus de España e xorde como unha colaboración internacional para permitir que o Museo Migdal Shorashim de Odesa, en Ucraína, pechado dende o inicio da invasión rusa, abra as súas portas a 4.000 quilómetros de distancia.
A exposición, que toma o seu nome, “Tu pueblo será mi pueblo”, do Libro de Rut, permite coñecer a historia da comunidade xudía desa cidade ucraína, situada á beira do mar Negro e que albergaba unha das comunidades xudías máis importantes do mundo. As imaxes sobre a súa cultura, as súas tradicións, as figuras máis destacadas dos séculos XIX e XX e a evolución da comunidade compleméntanse con catro pezas musicais seleccionadas para a ocasión, que acompañan o percorrido, e cunha visita virtual que completa a experiencia.
A concelleira Turismo do Concello de Tui, Ana Núñez, indica que o obxectivo de contar presenza desta exposición en Tui na programación do “Setembro xudeu” é amosar a solidariedade entre as diferentes comunidades a través dos seus museos xudeus, acollendo unha parte da súa historia e incidindo nos efectos da guerra na cultura, a convivencia e a solidariedade internacional.