Tui | O Concello de Tui ten en marcha un amplo programa de actividades para conmemorar o Día Internacional da Muller, 8M. Unha programación especial que se suma á realizada ao longo do ano con actividades de xeito transversal con perspectiva de xénero coma se reflicte no III Plan de Igualdade de Oportunidades entre homes e mulleres.
A concelleira de Igualdade, Ana Núñez, presentou este mediodía publicamente os actos a realizar partindo da premisa de que “a loita pola igualdade de xénero e a prevención das violencias machistas é sen lugar a dúbidas a materia pendente desta sociedade e ten que estar presente durante os 365 días do ano, pois só de esta forma conseguiremos acadar unha igualdade real”.
Explicaba a concelleira que o obxectivo das actividades programadas para diferentes públicos é “reivindicar os dereitos das mulleres” para “continuar avanzando no camiño da concienciación e da sensibilización do xeito máis efectivo posible, sen descanso, sen retroceder nin un só paso do andado”.
Ana Núñez indicaba que o lema deste ano “Dereito a estar, dereito a achegar” é contundente e claro porque “temos dereito a ser, a estar e a que se recoñezan as nosas achegas”.
O programa previsto comezou xa onte xoves co ciclo “Xuntas Aprendemos” que continuará cada xoves deste mes de marzo na aula da UNED de Tui.
O próximo luns na fachada da casa do concello colocarase unha lona co lema do programa e iluminarase de cor morada.
O martes, 8 de marzo, Día Internacional da Muller, as actividades previstas realizaranse ao longo de toda a xornada. Ás 11 h na praza Praza da Inmaculada terá lugar a lectura da declaración institucional a cargo de traballadoras do Concello.
A continuación presentarase o roteiro turístico ilustrado “Camiñando con elas” que dará a coñecer a coñecer a vida e achega de diferentes mulleres de Tui que deixaron a súa pegada na historia local. Este roteiro, que contou con financiamento da Consellería de Política Lingüística da Xunta de Galicia, forma parte dun proxecto moito mais ambicioso que se presentará proximamente denominado “A Tui das mulleres. A historia non contada”. Un roteiro que o público poderá realizar de novo o domingo 20 ás 11 h previa inscrición na Oficina Municipal de Tui.
Amais o martes 8 ás 17 h inaugurarase na Oficina de Turismo a exposición “Mulleres icónicas tecidas a ganchillo”. Presentarase recreacións de mulleres coma Amelia Earhart, a primeira muller en cruzar o Océano Atlántico en avión, Billie Holiday, Cleopatra, Florence Nightingale, Greta Thunberg, a escritora Jane Austen, Malala Yousafzai, Marie Curie, Rosa Parks, … realizadas pola artesá Salomé Fernández inspirada no libro de Carla Mitrani. Con esta mostra visibilízase, a través dun oficio artesán absolutamente feminizado, a mulleres referentes que cambiaron o mundo.
A concelleira de Igualdade avanzou tamén na presentación que “desde o Concello de Tui sumámonos as manifestacións que se celebrarán en diferentes puntos da xeografía reivindicando a abolición da prostitución e toda forma de explotación sexual e reprodutiva”.
Outro dos eventos destacados do programa terá lugar o sábado, 26 de marzo, ás 20 h no Teatro Municipal co acto de recoñecemento “Mulleres de onte, de hoxe e de mañá” para lembrar e visibilizar as mulleres referentes do pasado e recoñecer o valor doutras mulleres tudenses que continúan a través do seu talento facendo achegas de valor incalculable a nosa sociedade. No mesmo porase en valor a traxectoria de 5 mulleres de diferentes ámbitos do mundo da empresa, da ciencia, da educación, da cultura e do deporte que son referentes e exemplo para outras.
No mesmo acto realizarase unha homenaxe á muller na música coa interpretación por parte de alumnas do Conservatorio Profesional e da Escola Municipal de Música de Tui de composicións realizadas por mulleres. Pecharase o evento coa interpretación da canción “Se eu achase a palabra”, co poema LIMIAR de María Victoria Moreno, homenaxeada no Día das Letras Galegas en 2018, cunha composición da profesora Patricia Goberna a voces femininas e acompañamento instrumental.
O cine a literatura están tamén presentes na programación cun ciclo de cinema os mércores 9, 16, 23 e 30 de marzo ás 19.30 h no Teatro Municipal coa proxección de “Serás hombre” de Isabel de Ocampo, María Solinha, de Ignacio Vilar, “Nación” de Margarita Ledo i “El Proxeneta” de Mabel Lozano. Contando cada xornada coa presenza das directoras e do director.
Mentres o venres, 25 de marzo, ás 19 h na Sala de Exposicións Municipal, a feminista e académica Rosa Cobo presentará o seu libro “Pornografía, el placer”.
A programación inclúe tamén actividades para a poboación máis nova coa presenza do “Comando Igualdade” con Chis Oliveira e Priscila Retamozo que presentarán o seu libro “Comando Igualdade. A mocidade facendo a revolución feminista nas aulas!”, a proxección de María Soliña para o alumnado de secundaria, a realización de obradoiros de temática feminista. O público infantil de 4 a 10 anos poderá acudir o venres 18 de marzo ás 17 h na Sala de Exposicións á sesión de contacontos “Contos vellos, novos finais”. E o domingo 13 ás 11h celebrarase o Escape Room “Estrelas”.
Por outra parte, a concelleira de Igualdade explicou que “a creación de espazos por e para mulleres é un dos obxectivos prioritarios da Concellería de Igualdade” polo que en colaboración coa Aula da UNED realízase o ciclo “Xuntas Aprendemos” e o martes 29 terá un Networking de mulleres emprendedoras e empresarias que permitirá “crear redes de apoio, sinerxías e fomentar a sororidade entre mulleres”.
Amais o concello de Tui ao longo do mes de marzo volverá a reivindicar a corresponsabilidade compartindo nas súas redes sociais o vídeo realizado en 2021 por Noemi Chantada “A (r-) evolución dos coidados”.
A concelleira de Igualdade, Ana Núñez, remataba hoxe a súa intervención amosando o seu agradecemento “ao movemento asociativo feminino, as verdadeiras abandeiradas da loita pola igualdade, moitas veces silenciadas e sen embargo as verdadeiras protagonistas da defensa e da reivindicación dos dereitos das mulleres, as que coas súas actividades crean espazos de encontro, de apoio, de crecemento e de aprendizaxe e serven de espello para tantas outras”.