Tui | A prevención da violencia sexual, especialmente na mocidade, e a formación en igualdade centran este ano 2021 os actos conmemorativos do 25N, o Día Internacional contra a Violencia de Xénero que organiza o Concello de Tui.
No programa “Tui contra a violencia de xénero” empregarase a imaxe deseñada polo GDR 14 para os concellos que conforman este grupo de desenvolvemento rural.
A concelleira de Igualdade, Ana Mª Núñez, explica que a formación en igualdade aos profesionais que traballan no ámbito directo de atención ou comunicación a cidadanía, ten coma obxectivo “dotalos de técnicas e ferramentas que dean respostas concretas e correctas a un problema que non é persoal senón social: a violencia de xénero”.
Así comezou xa o desenvolvemento dun Programa de Formación Básica en Igualdade e Políticas Públicas Municipais” no que está a participar tanto o persoal municipal coma os cargos políticos. Está sendo impartido por Laura Seara, avogada experta en igualdade e exsecretaria de Estado de Igualdade, e conta co financiamento da Deputación de Pontevedra.
O próximo xoves, 25 de novembro, desenvolverase o acto institucional. Será ás 18 h na praza do Concello coa lectura do manifesto consensuado por toda a corporación municipal, e que se incorporará no pleno ordinario da corporación que comezará ás 20 h. Este acto, aberto a cidadanía, contara coa participación musical das irmáns Laura e Lucía Ramírez, alumnas da escola municipal de música, acompañadas ao piano polo profesor Jacobo González. Gardarase un minuto de silencio en memoria das vítimas de violencia de xénero. Amais a casa do concello iluminarase de morado do 24 ao 29 de novembro.
No programa previsto figuran tamén actividades para a concienciación social dirixidas á toda a sociedade como é a I Marcha Ciclista Contra a Violencia de Xénero, que se vai a celebrar o domingo 28 de novembro, cun percorrido de 7 quilómetros. É posible grazas a colaboración da concellería de Deportes, o Club Locos por las Bicis, Policía Local, Protección Civil, e a Cruz Vermella Portuguesa.
Será indicaba a concelleira de Igualdade “un exercicio de sororidade coas mulleres especialmente coas vítimas da violencia de xénero na que pode participar toda a familia e que sirve para sensibilizar e visibilizar un problema que é social; a violencia de xénero”. A inscrición está aberta até ás 23.30 h do martes 23 en www.tui.gal.
O martes, 30 de novembro, están programadas dúas actividades. Ás 17.30 h na Biblioteca Municipal terá lugar o contacontos “Peúgo, o calcetín melenudo” a cargo de autora deste álbum ilustrado que aborda de xeito sutil a violencia de xénero a través do personaxe do calcetín e da súa confidente a lavadora Ramona.
Posteriormente, ás 18.30 h, na Sala de Exposicións Municipal, no edificio Francisco Sánchez – Área Panorámica, presentarase a Guía de información e recursos para as mulleres. Esta guía ofrecerá información de todas ás areas sobre recursos, programas, dereitos, medidas de conciliación, directorio de contactos, etc.
Explica a concelleira que “que poderá facer uso da mesma toda a poboación, pero vai especialmente destinada a informar ás mulleres de Tui, e servirá como material de apoio ás persoas profesionais pero sobre todo como instrumento de información e sensibilización a quen faga uso de ela”.
Por outra parte co obxectivo de previr a violencia sexual, especialmente na mocidade, o xoves 2 e o venres 3 de decembro celebrarase un Taller Formativo en Prevención das Violencias Sexuais a cargo de Zúa Méndez e Teresa Lozano, creadoras de Towanda Rebels. Vai dirixido ao alumnado de 4º da ESO, ciclos formativos e bacharelato dos IES Indalecio Pérez Tizón e San Paio.
Tamén, nesta mesma liña, dende o pasado mércores día 10 de novembro e até o martes 23 pode visitarse na sala anexa á Sala Municipal de exposicións na Área Panorámica a mostra “Á violencia de xénero… dille NON!”. Unha iniciativa da Secretaría Xeral de Igualdade que ten por obxectivo concienciar á mocidade sobre os “estereotipos tan nocivos” que empanan as relacións de parella, sinala a concelleira.
As conmemoracións do 25N rematarán o sábado 18 de decembro, de 10 a 14h, na Aula da UNED no Antigo Convento de San Domingos, desenvolverase a xornada técnica sobre “Comunicación e igualdade: reflexións e propostas”.
Tratase dunha xornada dirixida a medios de comunicación que pretende analizar con responsables de medios locais, provinciais, autonómicos e nacionais a comunicación da violencia de xénero así como a igualdade na comunicación.
Esta xornada conta coa financiación da Deputación de Pontevedra. A inscrición para participar abrirá proximamente.
Programa de actividades 25N “Tui contra a violencia de xénero”
Do 10 de novembro e o 20 de decembro Programa de Formación Básica en Igualdade e Políticas Públicas Municipais para persoal municipal e cargos políticos
Do 10 ao 23 de novembro na sala anexa á Sala Municipal de exposicións mostra “Á violencia de xénero… dille NON!”Xoves, 25 de novembro, ás 18 h na praza do Concello Acto Institucional coa lectura do manifesto
Domingo, 28 de novembro, ás 12 h dende o Paseo da Corredoira Marcha Ciclista Contra a Violencia de Xénero
Martes, 30 de novembro
Ás 17.30 horas na Biblioteca Municipal Contacontos: “Peúgo, o calcetín melenudo” con Jessica Rodríguez Piñeiro
Ás 18.30 h na Sala de Exposicións Municipal presentación da Guía de información e recursos para as mulleres
Xoves 2 e venres 3 de decembro Taller Formativo en Prevención das Violencias Sexuais con Zúa Méndez e Teresa Lozano para alumnado do IES San Paio e do IES Francisco Sánchez
Sábado, 18 de decembro, de 10 a 14 h na Aula da UNED, xornada técnica sobre “Comunicación e igualdade: reflexións e propostas”.