Tui | A cidade de Tui consolida o seu papel protagonista no Camiño de Santiago neste ano 2023. Segundo os datos aportados polo Centro Internacional de Acollida ao Peregrino da Catedral de Santiago ata o pasado 15 de xullo as rutas xacobeas acolleron a un total de 205.950 peregrinos.
Os camiños portugueses foron realizados por 66.531 peregrinos, dos que 43.444 optaron polo Camiño Portugués e 23.087 polo Camiño Portugués da Costa. O maior número de peregrinos e peregrinas no que vai ano, 102.333 persoas, practicamente a metade do total, realizaron o Camiño Francés.
Tui consolídase como un dos catro primeiros lugares elixido polos peregrinos e peregrinas para iniciar o Camiño de Santiago á tumba do apóstolo en Compostela. En concreto, ata o pasado 15 de xullo, comezaron en Tui a peregrinación un total 13.254 persoas (6,75 % do total dos peregrinos), unicamente superada por Sarria (58.375), Porto (15.698) e St. Jean Pied de Port (15.641).
Cabe sinalar que a cidade irmá de Valença contou, neste mesmo período, con 7.122 peregrinos que iniciaron o seu percurso a Compostela. Se sumamos o número de persoas que parten da Eurocidade Tui – Valença, son un total de 20.676 peregrinos e peregrinas as que elixiron as marxes do río Miño para iniciar o Camiño de Santiago. Deste xeito a Eurocidade ocuparía o segundo lugar de inicio da peregrinación, unicamente superados por Sarria no Camiño Francés.
Para a concelleira de Turismo, Ana María Álvarez Núñez, este datos evidencian como neste ano 2023, superados os anos xubilares, a dinámica de crecemento e consolidación do Camiño Portugués mantense cunha notable afluencia de peregrinos sobre todo de carácter internacional, con persoas chegadas dende os cinco continentes que elixen a nosa cidade para iniciar o Camiño de Santiago.
O Camiño Portugués e o Caminho Portugués da Costa que teñen a súa entrada en Galicia a través de Valença e Tui posúe un alto valor histórico e patrimonial que ten na Catedral de Tui e nos conxuntos históricos de Tui e Valença dúas referencias patrimoniais e turísticas de grande entidade que atraen a un elevado número de peregrinos.