Tui | Con catro novas actividades prosegue a programación “Dereito a estar, dereito a achegar” organizada polo Concello de Tui, a través da concellería de Igualdade, con motivo do Día Internacional da Muller.
“Nación” de Margarita Ledo será o filme que se proxecte mañá mércores, ás 19.30 h, no Teatro Municipal de Tui, no ciclo de cinema e encontros coa autora. É un documental que recolle a loita das traballadoras da fábrica de cerámica A Pontesa. Un relato emocionante, poético e combativo sobre os dereitos das mulleres, o que costou ser Nación. A directora estará mañá no Teatro tudense para participar no coloquio previsto ao remate da proxección.
Este xoves, 24 de marzo, ás 18 h na Aula da UNED prosegue o ciclo “Xuntas Aprendemos”. Nesta cuarta charla participará Silvia Rodríguez Fernández, avogada e especialista en Igualdade do programa “Muller Tui” do Concello de Tui.
O tema será “A intervención xurídica con mulleres; unha perspectiva feminista”. Abordará así os recursos públicos de atención e asesoramento a mulleres, a violencia de xénero e dereito de Familia, así coma o exercicio efectivo dos dereitos e o acceso á información.
O venres, 25 de marzo, ás 20 h na Sala de Exposicións Municipal, no edificio Francisco Sánchez, Rosa Cobo Bedia presentará o seu libro “Pornografía. El placer del poder” editado por Ediciones B. No mesmo Rosa Cobo, profesora titular de Socioloxia na Universidade da Coruña e directora da revista internacional de estudos feministas Atlánticas, recolle os orixes da pornografía, ao tempo que busca espertar conciencias e alertar sobre os efectos do consumo de pornografía, incidindo tamén na relación directa que hai entre pornografía e prostitución.
O sábado, 26 de marzo, ás 20 h, no Teatro Municipal de Tui terá lugar o acto de Recoñecemento ás mulleres de Tui “Mulleres de onte, hoxe e mañá”. No mesmo recoñecerase a cinco mulleres tudenses e realizarase unha homenaxe á muller na música da man das alumnas da Escola de Música e do Conservatorio de Tui. A entrada é de balde até completar o aforo.