Tui | Tui recibirá 329.859,49 € do Plan Nacional Turístico Xacobeo 2021-22 para converter o cárcere vello nun centro de acollida e interpretación de peregrinos e visitantes, proxecto que foi financiado integramente polo Concello de Tui.
O Plan Nacional Turístico Xacobeo ten por obxectivo impulsar os Camiños de Santiago. Foi presentado hai uns días pola ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto.
O obxectivo é crear no Cárcere Vello un novo espazo cultural de referencia para a cidade no que dinamizar as visitas ao Conxunto Histórico-Artístico de Tui. O proxecto redactado pola empresa Trivium estratexias en cultura e turismo S.L., contempla o acondicionamento do local e montaxe do Centro Cárcere Vello para a acollida aos visitantes do conxunto histórico de Tui e aos peregrinos do Camiño de Santiago.
“O obxectivo é crear no Cárcere Vello un novo espazo cultural de referencia para a cidade no que dinamizar as visitas ao Conxunto Histórico-Artístico de Tui”
Estas instalacións serán completamente reformadas para acoller un proxecto museográfico que porá en valor o patrimonio e legado histórico de Tui. Os espazos expositivos contarán coa tecnoloxía máis punteira.
Os visitantes poderán realizar experiencias audiovisuais inmersivas a través de holografías e paneis interactivos que percorrerán as orixes prehistóricas de Tui, a vía romana que a atravesaba, as invasións normandas e musulmáns, o mercado medieval e os personaxes da nobreza que protexían a cidade, a relación milenaria con Portugal, a fenomenal comunidade xudía e a simboloxía secreta que utilizaban. Tamén destacarán personaxes ilustres tudenses como o filósofo Francisco Sánchez, precursor de Descartes, ou Frei Rosendo Salvado, evanxelizador de Australia. A exposición permanente contará cunha sala dedicada en exclusiva ao Camiño Portugués a Santiago.
O Centro Cárcere Vello será completamente accesible grazas á instalación de elementos de mobilidade e paneis informativos adaptados para persoas con diversidade funcional e cognitiva. Contará ademais cun Programa Didáctico, con varios espazos reservados a tal fin, con actividades e visitas dirixidas á comunidade educativa.
O Centro Cárcere Vello de Tui será tamén un lugar de acollida de peregrinos que disporán dunha consigna onde poderán gardar os seus vultos e visitar tranquilamente o centro da cidade. O complexo disporá dunha zona recreativa con espazos verdes, fonte, bancos, aparcadoiro para bicicletas, e servizos de venda de bebidas. O patio do Cárcere Vello estará aberto para conformar unha nova praza pública para o goce de tudenses e visitantes.
“O Centro Cárcere Vello de Tui será tamén un lugar de acollida de peregrinos que disporán dunha consigna onde poderán gardar os seus vultos e visitar tranquilamente o centro da cidade”
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, amosa a súa satisfacción por esta achega que permitirá converter o cárcere vello nun punto de referencia en pleno Camiño Portugués ao seu paso por Tui. E que a súa vez permitirá tamén pór en valor e avanzar na recuperación do conxunto histórico.
O proxecto a executar combinará o patrimonio e a historia tudense coas últimas tecnoloxías nun proxecto innovador e accesible. Asemade agradece a Directora Xeral de Turismo da Xunta de Galicia, Nava Castro as xestións realizadas para a inclusión deste proxecto no Plan Nacional Turístico Xacobeo 2021-2022, que lle fora trasladado para a súa tramitación.
“O proxecto a executar combinará o patrimonio e a historia tudense coas últimas tecnoloxías nun proxecto innovador e accesible”
O concelleiro de Patrimonio e Camiño de Santiago, Laureano Alonso, considera de vital importancia o investimento no Camiño Portugués ao seu paso por Tui que redundará positivamente na cidade.